A Mariña presenta o seu receitario básico de cociña tradicional, promovido pola Mancomunidade de Concellos

“A gastronomía é un elemento singular na identidade dun territorio, polo que recuperala, coñecela e difundila é un exercicio que enriquece e achega recursos propios para medrar de maneira sostible”, destaca a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. E neste contexto, foi presentado en Barreiros o Receitario básico da cociña tradicional da Mariña, un libro que recolle unha parte da riqueza gastronómica deste xeodestino a través de diferentes elaboracións culinarias. A publicación foi promovida pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense no contexto do proxecto Turismo Slow Norte de Galicia e en colaboración co Colectivo de Gastronomía de Galicia no marco dos convenios anuais de colaboración en turismo coa Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia. “O seu obxectivo é poñer en valor as materias primas e as súas elaboracións máis vencelladas ao territorio, que contribúen a crear unha identidade propia e recoñecible, ao tempo que supoñen un dos principais atractivos turísticos do destino”, explica a Mancomunidade, que engade que este receitario “é o primeiro paso dunha estratexia máis ampla impulsada polo Colectivo de Gastronomía da Mariña, que ten como obxectivo recoller e documentar o patrimonio culinario tradicional do territorio, contribuíndo así á súa recuperación e posta en valor”.

No evento participaron a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida; a presidenta da Mancomunidade, Rocío López; os representantes de Turismo Slow Norte de Galicia e do Colectivo de Gastronomía da Mariña, Tita Iglesias e Javier Carreiras; a xefa de área provincial de Turismo da Xunta en Lugo, Paloma Vázquez; e a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López.

Na súa intervención Rocío López explicou que este receitario “xorde da colaboración entre a Mancomunidade e o Colectivo de Gastronomía da Mariña no contexto do Turismo Slow Norte de Galicia, un proxecto pioneiro que naceu no 2015 na busca dun turismo sostible, auténtico e centrado na calidade humana e no respecto polo entorno. Este movemento engloba unha ampla rede de axentes da cadea de valor turística na Mariña, principalmente pequenos aloxamentos e axentes vinculados ao territorio que apostan por un turismo respectuoso co territorio, tranquilo, de experiencias e inmersión na cultura local”.

Tamén puxo en valor a figura do Colectivo de Gastronomía, “pioneira en Galicia ao englobar toda a cadea de valor alimentaria da Mariña, desde produtores ata comercializadores, e tamén hostaleiros, institucións e os propios cociñeiros e cociñeiras. Traballan baixo uns principios de sostibilidade e calidade que definen unha visión comprometida coa defensa e promoción dos valores da nosa gastronomía”, salientou a presidenta.

Nesta liña, Rocío López afirmou que este acto de presentación vén celebrar “a unión e a suma de esforzos de ambos proxectos, materializada nun receitario entendido como unha declaración de identidade”. Para López, “máis que un receitario é un documento que recolle saberes, produtos e receitas que conectan pasado e presente, ao tempo que serve para reivindicar a importancia da gastronomía como parte esencial da cultura. Cada páxina é unha homenaxe ás persoas que manteñen viva esta tradición e unha invitación a valorar o auténtico”, recalcou.

O Receitario básico da cociña tradicional da Mariña “recolle pratos populares e cociña de restaurante, pero tamén receitas que xa forman parte do acervo culinario do territorio, xurdidas hai séculos ou nas últimas décadas en distintos puntos do xeodestino. Todas elas están profundamente vinculadas á Mariña, ao facer das súas xentes, ás súas tradicións e, sobre todo, ás súas materias primas, froito do seu mar, dos seus montes e das súas hortas. Esta tirada inicial, de 400 exemplares, será repartida no territorio, coa finalidade de difundir o contido e compartir o coñecemento gastronómico. Recibirán o receitario en formato físico os aloxamentos de Turismo Slow Norte de Galicia, os membros do Colectivo de Gastronomía da Mariña, os membros do SICTED, o centro de formación IES de Foz e os Concellos que forman parte da Mancomunidade para poñelo a disposición da cidadanía a través das súas bibliotecas municipais, así coma os asistentes ao acto de presentación. Ademais estará dispoñible online, polo de agora, a través da páxina web de turismo da Mancomunidade amarinalucense.gal. A publicación recolle as receitas meticulosamente explicadas e elaboradas por algúns dos máis recoñecidos cociñeiros e cociñeiras da Mariña”.