A XIII Festa do Percebe de Xove celebrarase o sábado 18 de xullo cunha xornada gastronómica e festiva

A Asociación de Festexos A Medorra organiza un ano máis a XIII Festa do Percebe, unha cita xa consolidada no calendario estival do municipio e que terá lugar o sábado 18 de xullo na praza do Centro Cívico de Xove.

O Concello de Xove anuncia que “a xornada dará comezo ás 12.00 horas co acto inaugural e o pregón, que nesta edición correrá a cargo da conselleira do Mar, Marta Villaverde, quen será a encargada de abrir oficialmente unha festa dedicada á exaltación dun dos produtos máis apreciados da nosa costa. Ao longo de toda a xornada, veciños e visitantes poderán degustar percebe de excelente calidade, procedente das nosas costas, recoñecido polo seu extraordinario sabor e pola súa frescura, converténdose nun dos grandes protagonistas gastronómicos do verán mariñán. O ambiente festivo estará garantido coa animación musical de Os Charangos de Neda e do grupo de cantos de taberna Espera que vou mexar, que percorrerán o recinto enchendo a xornada de música, alegría e bo ambiente”.

A comisión organizadora “pretende poñer en valor un produto tan emblemático como o percebe e convida a toda a veciñanza e aos visitantes que se acheguen a Xove durante esa fin de semana a participar nesta celebración, degustar un dos mellores percebes das nosas costas e desfrutar dunha xornada marcada pola boa gastronomía, a música e a convivencia”.

O Concello de Xove destaca que a XIII Festa do Percebe “será, unha vez máis, unha excelente oportunidade para promocionar a riqueza mariñeira e gastronómica do noso litoral e para vivir unha xornada festiva na que Xove volverá ser punto de encontro para todos os amantes da boa mesa e das tradicións”.