O Concello de Viveiro presenta a programación de actividades para agosto, que inclúe as Festas Patronais de San Roque que pregoará Mari Carmen Chipe

O Concello de Viveiro presentou a programación completa de actividades para o mes de agosto, un calendario que reunirá propostas culturais, festivas, deportivas e de lecer pensadas para todos os públicos. Dentro desta programación enmárcanse as Festas Patronais de San Roque 2026, organizadas en colaboración coa Comisión de Festas de Viveiro. Serán pregoadas por Mari Carmen Chipe.

Esta colaboración entre ambas entidades permite ofrecer unhas festas que “manteñen a súa identidade e tradición ao tempo que incorporan novas propostas para seguir facendo de Viveiro un referente festivo durante o verán. A programación de agosto inclúe concertos, feiras, actividades culturais, eventos deportivos e iniciativas para todas as xeracións, reforzando a aposta do Concello por dinamizar a cidade e ofrecer alternativas de lecer tanto á veciñanza como ás persoas que visitan Viveiro nestas datas. Entre as principais novidades desta edición destaca a celebración da Festa da Xuventude, unha nova proposta impulsada para ofrecer un espazo específico de encontro e ocio destinado á mocidade dentro da programación de agosto. Xunto a ela incorpóranse tamén as charangas, que percorrerán o casco histórico enchendo as rúas de ambiente festivo, e o espectáculo do ilusionista e mentalista Ariel Hamui, ampliando a programación con actividades para todos os públicos”, anuncia o Concello de Viveiro.

No apartado musical o cartel contará coas actuacións de David Civera, Alana, Lina e Lola e Niños Bravos, ademais das orquestras Suavecito, Fuego, Los Coleguitas e Vivarium, “configurando unha programación variada durante os días grandes das festas”.

As celebracións manterán tamén os actos máis tradicionais das festas viveirenses e concluirán coa xa habitual Sardiñada nas Nogueiras, “un dos encontros máis emblemáticos do calendario festivo local”.

Durante a presentación anunciouse tamén a pregoeira das Festas de San Roque 2026: “se o pasado ano o recoñecemento recaeu nun referente de Viveiro para o mundo, nesta edición quíxose poñer en valor a figura dunha persoa que representa como poucas o espírito de Viveiro para Viveiro. A elixida é Mari Carmen López Gómez, Mari Carmen Chipe, profesora, impulsora do folclore, fundadora de Bágoas da Terra, creadora da Mostra Folclórica Internacional e referente da Semana Santa de Viveiro, en recoñecemento a toda unha vida dedicada á conservación, promoción e transmisión da cultura e das tradicións viveirenses”, anuncia o Concello de Viveiro.

A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, destacou que “as festas de San Roque son unha das grandes citas do noso calendario e un exemplo do que se consegue cando Concello e tecido asociativo traballan da man. Esta colaboración permítenos ofrecer unha programación de calidade e seguir facendo de Viveiro un referente cultural e turístico durante o mes de agosto”.

Pola súa banda desde a Comisión de Festas sinalan que afrontan o seu segundo ano á fronte da organización “coa ilusión de continuar consolidando unhas festas abertas, participativas e fieis á identidade de Viveiro, incorporando novidades sen perder a esencia que as fai únicas”.

Toda a programación poderá consultarse a través das canles oficiais do Concello de Viveiro e da Comisión de Festas.