
O municipio de Cervo contará a partir deste curso cunha Escola de Música. Trátase de DoReFaMiFaneca Escola de Música, un proxecto impulsado pola asociación do mesmo nome recentemente constituída, que “nace coa finalidade de achegar a formación musical á veciñanza e ofrecer un espazo para aprender, crear e gozar da música”, anuncia o Concello de Cervo.
A escola instalarase no edificio municipal que anteriormente ocupaba o FOREM, en Cervo, situado fronte á Casa do Concello, un inmoble que o Concello de Cervo cede “para facer posible a posta en marcha deste novo proxecto educativo e cultural”.
O Concello de Cervo explica que na presentación da iniciativa, ante o edificio que albergará a escola, estiveron a alcaldesa, Dolores García Caramés, e Chus e Xacobe, impulsores da asociación e da escola. “Chus é profesora de canto e Xacobe está especializado en instrumentos de corda. Ambos decidiron unir experiencia, coñecementos e ilusión para crear este novo proxecto, que conta coa colaboración do Concello de Cervo. A posta en marcha de DoReFaMiFaneca supón ademais cubrir unha carencia existente no municipio, xa que Cervo non contaba ata o de agora cunha escola de música propia. Deste xeito a veciñanza terá a oportunidade de acceder a formación musical no propio concello, sen necesidade de desprazarse a outros municipios. A escola está dirixida tanto a nenos e nenas como a persoas adultas, con clases personalizadas adaptadas ás diferentes idades e niveis, desde persoas principiantes ata alumnado avanzado. A proposta aposta por unha aprendizaxe baseada no acompañamento de profesorado experto e, sobre todo, por aprender gozando da música”.
Entre os obxectivos de DoReFaMiFaneca está “o de espertar o artista que cada persoa leva dentro e ofrecer un lugar no que a música sexa sinónimo de aprendizaxe, ilusión, creatividade e diversión”.
A alcaldesa de Cervo puxo en valor a creación desta nova escola de música e destacou que se trata dunha iniciativa especialmente interesante para o municipio: “estamos moi satisfeitos de que Cervo conte por fin cunha escola de música propia. Era unha necesidade que existía e consideramos que esta iniciativa é unha magnífica oportunidade para achegar a formación musical á nosa veciñanza, especialmente aos máis pequenos, pero tamén ás persoas adultas que queiran iniciarse ou continuar a súa formación.”
A rexedora felicitou a Chus e Xacobe pola iniciativa e agradeceu a súa aposta por desenvolver o proxecto en Cervo: “queremos agradecer a Chus e Xacobe a súa iniciativa e a ilusión coa que están a poñer en marcha DoReMiFaneca. Son eles os que deron o paso de constituír esta asociación e impulsar a escola, e desde o Concello entendemos que debemos apoiar proxectos que nacen da propia veciñanza e que contribúen a enriquecer a oferta cultural e educativa do municipio.”
A alcaldesa tamén destacou a importancia de dar novos usos aos espazos municipais, neste caso ao edificio que anteriormente acollía o FOREM: “é moi positivo poder poñer este edificio municipal ao servizo dun proxecto educativo e cultural. Queremos que os espazos dos que dispón o Concello teñan vida e sexan útiles para a cidadanía, e esta escola é un moi bo exemplo de colaboración entre a iniciativa dunha asociación e a Administración local”. Neste sentido sinalou que a chegada da escola “supón tamén abrir unha nova vía para a formación e a dinamización cultural en Cervo. A música ten unha enorme capacidade para educar, para fomentar a creatividade e tamén para crear comunidade. Que os nenos e nenas de Cervo poidan aprender música no seu propio concello, pero que tamén poidan facelo persoas de calquera idade, é unha moi boa nova. Animamos a todas as persoas interesadas a achegarse, coñecer o proxecto e resolver as súas dúbidas. Estamos convencidos de que DoReFaMiFaneca pode ter un percorrido moi bonito en Cervo e esperamos que sexa o comezo dunha escola que medre coa participación da nosa veciñanza.”
Todas as persoas interesadas poderán achegarse para solicitar información e resolver as súas dúbidas na Casa da Cultura de San Ciprián ou na Casa do Concello de Cervo. Ademais a asociación ten dispoñibles os seguintes teléfonos de contacto para resolver dúbidas e facilitar toda a información: 608.841.347 (Chus) ou 646.711.761 (Xacobe). Tamén conta co Instagram @dorefamifaneca e co correo electrónico dorefamifaneca@gmail.com.


