Saíñas celebra este sábado, 24 de outubro, en Xove unha nova edición da Foliada da Mariña

A Asociación Cultural Saíñas, de Xove, celebra este sábado, día 24 de outubro, unha nova edición da Foliada da Mariña, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O deputado provincial Daniel García e integrantes do colectivo cultural presentaron o programa deste encontro,  que “encherá a Praza do Concello de música e baile tradicional a partir das 17.00 horas”, anuncia a Vicepresidencia da Deputación, que engade: “as actuacións de Pensamento e Sementeira, de Viveiro; Arco da Vella, de Barreiros; Gamelas e Anduriñas e das formacións de gaita e pandeireta de Saíñas  abrirán a xornada, que contará con concertos de Alana e Os do Fondo da Barra”.

Daniel García reafirmou “o compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo co asociacionismo de base” que, lembrou, “ten un papel fundamental na conservación e na difusión da música tradicional”. Nese sentido, destacou que  “xornadas coma esta dan visibilidade a un traballo diario que permite soster grupos de música tradicional e manter vivo ese legado cultural”.

Ademais a Vicepresidencia da Deputación destaca que “a Asociación Cultural Saíñas, con máis de catro décadas de traxectoria, ofrece clases de percusión, gaita e baile de distintos niveis e conta, ademais das formacións de adultos, con seccións infantís. En 2005, organizou a primeira edición da Foliada da Mariña, pioneira neste tipo de encontros da comarca. Despois dalgúns anos de parón no período da Covid, a Foliada cumprirá este sábado 17 edicións”.