Burela acollerá o ciclo de obradoiros Ciencia á Feira desde este venres, 20 de outubro

A Casa da Xuventude do Concello de Burela albergará desde este venres, 20 de outubro, o ciclo de obradoiros ‘Ciencia á feira’, que teñen como obxectivo achegar temas de interese científico á sociedade.

Os obradoiros que se van a desenvolver no ciclo serán os de ‘Enfermidades transmitidas por carrachas’ entre outubro e decembro, ‘Xestión sustentable da auga’ entre xaneiro e marzo, e ‘Propagación vexetal e as súas implicacións’ entre abril e xuño.
 
A primeira sesión, como parte do obradoiro de ‘Enfermidades transmitidas por carrachas’, terá lugar ás 12:00 horas do venres 20 de outubro. Cada sesión comporase dunha charla de 30 minutos e dun obradoiro de hora e media de duración.
 
As actividades realizaranse coincidindo coa feira municipal, que ten lugar os venres, e instalarase un posto no mercado de Burela, onde se informará e repartirá material didáctico sobre o tema.

‘Ciencia á feira’ está dirixida tanto ao alumnado dos institutos como á cidadanía en xeral.