Burela celebra o Día do Libro cunha programación para todas as idades os días 23 e 24 de abril

O Concello de Burela celebra o Día do Libro cunha programación de actividades dirixidas a fomentar a lectura e a participación cidadá, con iniciativas pensadas para diferentes idades. Este xoves, día 23 de abril, a Biblioteca Municipal acollerá unha mesa libre de intercambio de libros. As persoas asistentes poderán deixar, coller ou compartir exemplares, nunha proposta que “está orientada a facilitar o acceso á lectura de maneira aberta”. No mesmo día a Casa da Cultura será escenario dun taller de iniciación ao estampado téxtil, que terá lugar entre as 19:00 e as 20:30 horas. A actividade, impartida por Xogando nas Nubes, está dirixida á mocidade e persoas adultas, e permitirá ás persoas participantes estampar unha bolsa de tea para transportar libros. O taller conta con prazas limitadas e require inscrición previa na Biblioteca Municipal. A programación continuará o venres 24 cunha proposta destinada ao público infantil. Entre as 17:00 e as 19:00 horas nos soportais da Praza de Abastos desenvolverase un taller creativo a cargo da Aula Medioambiental Gaia.

A concelleira de Cultura, Lina Gómez, indicou: “con esta programación buscamos achegar o libro e a lectura á veciñanza dun xeito participativo e atractivo, adaptado a diferentes idades”.

Dende o Concello de Burela animan á cidadanía a participar nas actividades programadas e a celebrar o Día do Libro arredor da lectura.