Burela presenta o programa municipal do 25N con actividades os días 24, 25 e 30 de novembro

O Concello de Burela deu a coñecer a programación organizada para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O programa inclúe accións de sensibilización social, actos públicos e actividades dirixidas á comunidade educativa os días 24, 25 e 30 deste mes.

No marco desta programación estará dispoñible un punto de lectura pola igualdade na Biblioteca Municipal, colocarase a pancarta conmemorativa e varios espazos do municipio tinguiranse de violeta como símbolo de apoio á loita contra a violencia de xénero.

O martes 25 de novembro, ás 12:30 horas, terá lugar na Praza do Concello a lectura do manifesto institucional, xunto cun punto informativo do CIM e un mosaico violeta co lema Non á violencia de xénero.

O domingo 30 de novembro, ás 11:00 horas, na Praza da Mariña arrancará a IV Andaina contra a Violencia de Xénero, cun percorrido circular de 8 quilómetros e de baixa dificultade.

Os centros educativos do municipio tamén participarán nas iniciativas previstas. O luns 24 de novembro o alumnado do CEIP Plurilingüe Os Castros e do CEIP Plurilingüe Vista Alegre gozarán da sesión de contacontos titulada Contos vellos, novos finais, da man de A Trastenda dos Contos. O martes 25 de novembro o IES Monte Castelo e o IES Perdouro participarán na entrega dos roll-ups do 25N e o mosaico violeta co lema Non á violencia de xénero.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, explicou que “o 25N non é un día máis no calendario: é unha chamada á responsabilidade pública, política e cidadá para seguir loitando contra unha das violencias máis graves e máis silenciadas. Cada acción, por pequena que pareza, suma fronte á violencia de xénero. E en Burela queremos sumar sempre”.

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Alexandra Fernández, sinalou que estas accións “buscan reforzar a implicación social fronte á violencia de xénero e facer visible o compromiso do Concello nestas datas”. Ademais, destacou a importancia da participación cidadá, explicando que “é fundamental que a veciñanza se sume ás iniciativas previstas, especialmente aos actos do día 25 e á andaina, que se consolidou como un evento de unidade e concienciación”.

As actividades están financiadas con cargo aos créditos recibidos polo Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, coa colaboración da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero.