
Este venres, día 8 de maio, ás 20:30 horas na Biblioteca Municipal El Viejo Pancho, de Ribadeo, preséntase o cómic titulado O día de San martiño, de Cristian F. Caruncho.
É unha acto organizado pola Agrupación Cultural Francisco Lanza, que anuncia: “este venres 8 de maio vannos acompañar Cristian F. Caruncho e o noso veciño Xermán Viluba para falarnos do excelente cómic O día de San Martiño. Imos poder escoitalos ás 20:30 horas na Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Xermán Viluba xa fixo unha interesante introdución ao mundo do fanzine cando presentamos o libro Fanzines en Galiza, de Ramón Mariño, establecendo un fecundo nexo entre os anos 90, nos que el era estudante, e nos que protagonizou destacados capítulos no mundo da cultura alternativa na Mariña. Nesta ocasión vai poder mergullarse un chisco máis no mundo do cómic da man de Cristian F. Caruncho e o seu O día de San Martiño”.
A Agrupación Cultural Francisco Lanza explica que Cristian F. Caruncho “é debuxante e faneditor; tamén crea historietas nas que se manifestaban tanto as súas preocupacións ecolóxicas e ambientais como o seu coñecemento das nosas aldeas. Grazas ao seu singular sentido do humor é quen de amornar a comicidade das situacións descritas nas súas historias sen por iso deixar de reflectir a crueza dos temas que aborda. No ano 2011 gañou o concurso de Banda deseñada da Mariña, organizado pola A. C. Os Matos Biblioteca IES Perdouro, dentro da categoría aberta, coa primeira parte de O home que liberou a fraga. Esta historia foi incluída despois no terceiro caderno de historietas de Banda Desexada, xunto ao resto de obras galardoadas. Axiña sería completada con novas páxinas nunha edición realizada polo propio autor. Só un ano despois, o Museo Ortegalia organizou unha exposición con orixinais do debuxante, anunciándose mediante un cartel, cuxa autoría correspondeu ao mesmo Cristian F. Caruncho. Dito cartel consistía nunha versión do disco Exile on Main St., dos Rolling Stones. A obra do autor tamén foi exposta no Museo Municipal de Ourense como parte das XXV Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, festival no que ea convocado o Certame Basilio Losada, concedido a Cristian F. Caruncho en varias ocasións. A primeira delas na súa primeira edición na categoría absoluta, pola súa historieta O home que liberou a fraga, repetindo na terceira edicións destes premios con Por un saco de patacas, aínda que na categoría de autores menores de 17 anos. Así mesmo, foi merecedor do primeiro premio no XX Concurso Curuxa Nova convocado polo Museo do Humor de Fene en 2016. O ano pasado foi o gañador do Premio Castelao de Banda Deseñada, da Deputación, polo seu western dos porcos bravos O día de San Martiño, que este venres 8 de maio imos presentar. Ademais, xunto con Lidia Cao, pintou a punkiereteira máis grande do mundo. É unha excelente ocasión, a deste venres 8 de maio, para os e as amantes do cómic”.


