Nerea Pallares presentará a súa novela “Punto de araña” o 22 de xullo en Foz

A Librería Bahía, de Foz, acollerá o día 22 de xullo, mércores, ás 20:30 horas a presentación da novela titulada Punto de araña, da xornalista e escritora luguesa Nerea Pallares, gañadora do Premio García Barros 2025 e do Premio Follas Novas do Libro Galego 2026 na categoría de Narrativa. O acto celebrarase dentro do ciclo Contos e conversas e contará coa presenza da autora, que conversará co público arredor da obra. A entrada é libre ata completar o aforo.

Librería Bahía explica: “editada por Galaxia, Punto de araña é unha novela mariñeira e coral ambientada en Camariñas, na Costa da Morte. Tecida coas voces de tres xeracións de mulleres -palilleiras, redeiras, mariscadoras e traballadoras da conserveira-, entrelaza realismo social, memoria colectiva e mitoloxía para reivindicar o papel das mulleres do mar e reflexionar sobre a precariedade do traballo feminino, a sororidade e os coidados”.

E sobre a autora di que Nerea Pallares Vilar (Lugo, 1989) “é xornalista e escritora. Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, cursou un mestrado en Estudos Comparados de Literatura, Arte e Pensamento na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, cunha tese sobre as novas expresións escénicas da filosofía do absurdo. Desenvolveu parte da súa traxectoria en institucións como a Cité Internationale des Arts de París, o Centro de Investigação Artística Hangar de Lisboa e a Fundación Gala para Creadores Novos de Córdoba. Antes de estrearse na novela, publicara os libros de relatos Sidecar (2015) e Los ritos mudos (2021), e os seus contos figuran en antoloxías como Pena Negra (2022) e  Ellas, las extrañas (2023), ademais de revistas literarias como DornaQuimera ou Granta. Con Punto de araña obtivo o Premio García Barros 2025 e o Premio Follas Novas do Libro Galego 2026 na categoría de Narrativa; ese mesmo ano recibiu tamén o Premio Manuel Lueiro Rey de Xornalismo”.