O Concello de Alfoz pon en marcha o seu programa de actividades de verán para todos os públicos

O Concello de Alfoz arrinca un verán cargado de propostas lúdicas, culturais e turísticas pensadas para o goce de veciños e visitantes de todas as idades. As actividades, totalmente gratuítas, estanse a desenvolver xa dende o mes de xuño e continuarán ao longo de todo o verán.

O luns 30 de xuño dará comezo unha nova edición do Ludiverán, o programa de conciliación e lecer infantil que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto, con xogos, obradoiros e actividades ao aire libre para os máis pequenos.

O 1 de xullo abrirá as súas portas a Piscina Municipal de Alfoz, “un espazo moi agardado cada tempada estival, perfecto para refrescarse e compartir tempo en familia ou entre amigos”.

Dentro da oferta turística, continúa o programa Polos camiños do Mariscal, cun novo roteiro o domingo 6 de xullo titulado Edificios e lugares senlleiros de Alfoz, que percorrerá algúns dos espazos máis destacados do patrimonio local.

O Concello de Alfoz anima “a toda a veciñanza e visitantes a participar destas propostas que poñen en valor os recursos locais, fomentan o lecer saudable e contribúen á dinamización do municipio durante a tempada estival”.