O cuarto Vendaval Fest será os días 24 e 25 de xullo, venres e sábado, en Ribadeo

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo colabora coa cuarta edición do Vendaval Fest, que se celebra na vila días 24 e 25 de xullo, venres e sábado desta semana.
 
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explicou que “establecementos asociados a Acisa ofrecerán descontos especiais os días 24 e 25 de xullo aos asistentes á cuarta edición do Vendaval fest. Esta é unha actividade da nosa asociación en colaboración cos organizadores deste festival. Participan comercios e locais de hostalaría con diferentes descontos e prezos especiais”.
 
O xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez, contou que “con motivo desta nova edición do Vendaval Fest, o equipo organizador do festival propúxonos repetir esta actividade na que se implican os negocios locais e polo tanto benefícianse da esperada chegada de moitos asistentes. A proposta pareceunos interesante, xa que é unha boa forma de que o apoio que dende Acisa ofrecemos ao Vendaval Fest se vexa compensada coa posibilidade de que os asistentes ao festival realicen os seus gastos nos establecementos asociados ao noso colectivo”. Pérez Prada engadiu que “para beneficiarse destas promocións especiais estes días, so é necesario posuír a pulseira de acceso ao festival e ensinala á hora de pagar, e así o negocio aplicará o desconto ou promoción á compra ou consumición realizadas”.
 
A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo agradeceu aos organizadores do Vendaval Fest “que quixeran contar con nos como colaboradores un ano máis e que ademais buscasen unha forma para involucrar ao tecido empresarial co seu festival. Estas son as fórmulas e os eventos que nos gustan en Acisa e que, sempre que sexa posible, seguiremos apoiando. Para nós os importantes son os nosos asociados e asociadas, as empresas ribadenses e todas as actividades culturais, lúdicas ou deportivas que lles repercutan de xeito positivo”.
 
Desde a asociación Catro Caños, organizadora do Vendaval Fest, indicaron: “queremos agradecer que dende o principio Acisa apoiou este proxecto, e sobre todo estamos encantados de poder colaborar mediante este sistema de descontos, que vincula e une o comercio e hostalaría nun fin de semana de música e actividades na vila”.
 
Presentaron a campaña Arturo Iglesias e Roi Fernández, da asociación Catro Canos, xunto á presidenta de Acisa, Carmen Cruzado. 
 
Nesta cuarta edición do Vendaval Fest actuarán: El Drogas, The Real Mckenzies, Dakidarría, Benito Kamelas, Hamlet, The Lizards, Hermana Furia, Ochobre, Las Moskas Retrompeteras, Ruxe Ruxe, Demenzia Social e DJ Tralla. Pero o Vendaval tamén chegará ás rúas ribadenses: o sábado 25 á hora do vermú, concertos gratuítos pola vila da man de Lija Terciopelo (Tributo a Marea) e La Green River Band (Tributo a Creedence Clearwater Revival), anuncian os organizadores.