
O Colectivo Cultural Ollomao anuncia que este domingo, día 2 de agosto, ás 21:00 horas, volve aos Colexios Vellos de San Miguel de Reinante para representar a obra teatral Dona Clara. Explica que “nesta ocasión será con taquilla inversa. Ou, dito doutro xeito, faremos unha versión elegante do tradicional pasar a gorra. Non hai un prezo fixo de entrada: ao rematar a función, cada persoa poderá achegar a cantidade que considere, segundo as súas posibilidades e o valor que lle dea á experiencia vivida. É unha forma diferente de apoiar a cultura e de facer posible que o teatro siga chegando á nosa contorna”.
“Nós xa temos moitas ganas de compartir outra noite de verán convosco, entre risas, emocións e moito teatro”, engade Ollomao, que tamén anuncia que apertura de portas será ás 20:40 horas. “Prégase puntualidade. Unha vez comece a función non se poderá acceder”, advirte.


