
O salón de plenos do Concello de Mondoñedo acolleu a presentación da segunda edición do Premio Álvaro Cunqueiro de Novela, promovido polo propio Concello en colaboración coa Casa Museo Álvaro Cunqueiro e coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Esta convocatoria pretende honrar a memoria e a obra do escritor mindoniense, ao mesmo tempo que procura incentivar a creación literaria en galego e contribuír á súa visibilidade. O premio está dotado con 5.000 euros, que se concederán integramente á obra que resulte gañadora. As persoas aspirantes deberán entregar seis copias impresas do orixinal, en formato de letra Arial 12, a espazo e medio, numeradas e encadernadas en rizo. A documentación terá que presentarse antes do 31 de outubro de 2025 no Rexistro do Concello de Mondoñedo (Praza do Concello, 1, 27740 Mondoñedo, Lugo).
O Concello de Mondoñedo tamén anuncia que “o ditame do xurado darase a coñecer arredor do 22 de decembro, coincidindo co aniversario do nacemento de Cunqueiro, nun acto que servirá de homenaxe á súa traxectoria literaria. Con esta iniciativa Mondoñedo consolídase como cidade literaria e reafirma o seu compromiso coa cultura como sinal de identidade e proxección de futuro”.