A Casa do Concello laurentina acolleu esta mañá a presentación das dúas novas audioguías ficcionadas para Lourenzá e Alfoz, que se unen ás que levan uns anos de percorrido en Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro. Trátase dun proxecto da Mancomunidade de Concellos da Mariña no que colaboran a Deputación Provincial de Lugo e a Xunta de Galicia.
O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, na súa intervención dixo que “dende a Mancomunidade vense traballando na dinamización e promoción da Mariña Lucense como un destino turístico rico e diverso do norte de Galicia, onde produtos asociados a un turista curioso, respectuoso e sensible co territorio como son é turismo slow, aplicado ao turismo cultural, de natureza, gastronómico, entre outros, funcionen como produtos tractores da demando turística ao territorio”.
Cajoto sinalou que “neste contexto, o obxectivo de continuar a desenvolver as audioguías ficcionadas, é o de achegar valor aos visitantes e tamén á propia veciñanza a través de experiencias diferenciadoras, favorecendo a súa permanencia e a desestacionalización, fortalecendo o posicionamento da Mariña Lucense como destino slow, sostible e de calidade”. E lembrou que “estas audioguías foron deseñadas e elaboradas por Chévere, compañía con máis de 30 anos de traxectoria, que se converteu no grupo de teatro máis prolífico e coñecido da historia recente de Galicia cun recoñecido prestixio tamén a nivel nacional. En 2018 e 2019 puxéronse en marcha as audioguías das vilas históricas e portas de entrada de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro en galego-castelán e inglés-francés e en 2021 súmanse ao proxecto as do Castelo de Castro de Ouro en Alfoz e a vila de Vilanova de Lourenzá, polo momento, só en galego, aínda que proximamente serán traducidas ao castelán e a medio prazo tamén ao inglés e francés”.
O presidente da Mancomunidade subliñou que “as audioguías ficcionadas da Mariña Lucense, son unha iniciativa – pioneira en España – do ente xestor do xeodestino, a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense e do Grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro 2014 e na que colaboran a Deputación de Lugo e Xunta de Galicia”.
Fran Cajoto indicou que “as audioguías son un recurso complementario das visitas con guía, permiten as visitas individualizadas, en parella ou grupos, sen cita previa e nos días en que as oficinas de turismo están cerradas por descanso, vacacións, etc. No contexto covid-19, un produto que facilita unha actividade ao aire libre e que se pode realizar de xeito individual, aporta un novo activo á proposta”.
E engadiu que “co obxectivo de poñer en valor este produto e dalo a coñecer entre o público en xeral, esta fin de semana terán lugar uns paseos ficcionados, a través destas audioguías, polos concello de Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo e Ribadeo cunha introdución e coloquio final da man dos seus creadores, a compañía de teatro Chévere, baixo o título Chévere acompaña as audioguías ficcionadas da Mariña Lucense. Unha orixinal iniciativa que conseguiu esgotar as prazas na maioría dos paseos”.
Aquelas persoas que visiten ata finais de xullo as vilas de Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo e Ribadeo, que dispoñen de audioguías ficcionadas, contarán cun servizo gratuíto de auriculares illantes para asegurar a mellor das experiencias. Tendo en conta a actual situación derivada pola Covid19, elaborouse un Plan de Continxencia e protocolos específicos para este servizo. A partir de agosto este servizo pasará a ter un prezo simbólico de 2 euros para persoas adultas e nen@s gratis ata 12 anos.
Asistiron, entre outros, ao acto no Concello de Lourenzá o director do proxecto, Xesús Ron, e o actor Manuel Cortés; Mayra García, deputada de Economía, Recadación, Facenda e Contas; Paloma Vázquez, xefa da área provincial de Turismo de Galicia en Lugo; o alcalde de Alfoz e a concelleira de Turismo, Jorge Val e Arantxa Incera; e a alcaldesa de Lourenzá e o concelleiro de Cultura, Rocío López e Manuel Arango.