A programación de Nadal do Concello de Xove inclúe actividades para tódolos públicos ata o 5 de xaneiro

O alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, acompañado da concelleira de Cultura, María Dolores Meitín, veñen de presentar a programación de actividades culturais de Nadal, “deseñada para ofrecer diversión e maxia a toda a veciñanza que queira acercarse a desfrutar nestas datas tan entrañables. O programa cultural para este Nadal desenvolverase ata o 5 de xaneiro e inclúe unha ampla variedade de propostas que combinan tradición e entretemento e pensando sempre en tódalas idades”.

O Concello de Xove anuncia ademais que “relevantes son tamén as actividades propostas dende o Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local para este Nadal coa organización da VII Gala do Emprendemento Local, un cabaret guiado por Dani Ríos para tódolos públicos, e do mercado de Nadal O faio de Generosa, que a maiores nos deleitará coa participación do grupo de pandereteiras Xaora”.

“Este xoves, día 4 de decembro, xa deu comezo a programación cun emotivo acto inaugural das luces navideñas da man do alumnado da Escola Municipal de Música que interpretou unhas fermosas panxoliñas a tódolos asistentes”, destaca o Concello de Xove, que engade: “e así ao longo de todo este mes poderemos contar con variedade de propostas: actuacións de maxia, obras teatrais, concurso de karaoke, concerto de acordeóns, inchables para os máis pequenos, festas infantís e moita, moita animación. Tamén contaremos con eventos destacados ano tras ano, como a especial visita de Papá Noel o día 22; e o 5 de xaneiro a tradicional Cabalgata de Reis polas rúas de Xove e que poñerá o punto final a estas datas de Nadal. Ademais para isto dende o Departamento de Cultura facemos un chamamento a toda a veciñanza que queira unirse ao desfile real como paxes ou axudantes con vestimenta propia destas datas para participar na cabalgata, podendo inscribirse cubrindo un impreso de voluntariado na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) antes do 26 de decembro”.

O  alcalde, Demetrio Salgueiro, destaca “a importancia de manter viva  a ilusión do Nadal en Xove para que estas festas sexan un tempo de unión e alegría para todos á vez que quere agradecer a tódalas persoas voluntarias e asociacións colaboradoras  o seu apoio na organización destes eventos”.