
A décimo sétima edición da Concentración de Sendeirismo A Pontenova será o día 23 de maio, sábado. Está organizada pola asociación Carro Tarabelo e o Concello da Pontenova, que explican que o percorrido será de Sanxés a Bogo, con 9,4 quilómetros de distancia e dificultade media. Tamén indican que “é recomendable utilizar calzado cómodo e que teña un bo agarre, así como bastóns de trekking”.
Ás 09:00 horas será a concentración dos participantes na Praza dos Fornos e media hora despois sairán cara ó comezo da ruta. Para as 15:00 horas está previsto o remate da andaina e xantar na Praza dos Fornos a base de bolos de liscos, bolos preñados, postre e auga. E ás 16:00 horas farase un sorteo de varios agasallos entre os participantes: prendas de trekking, ceas para 2 persoas, estancias de 1 noite para 2 persoas, vale regalo para visitar a Mina Consuelo e lanzarte pola supertirolina, etcétera.
A inscrición inclúe: mochila de tela cun petisco e auga, transporte, seguro RC e comida. O prezo é de 5 euros para socios/as de Carro Tarabelo, e grupos de 10 sendeiristas ou máis; e de 10 euros para non socios/as de Carro Tarabelo e grupos de menos de 10 sendeiristas.
O prazo para inscribirse está aberto ata o día 20 de maio.


