A exposición itinerante sobre o centenario das Irmandades da Fala estará en Viveiro este domingo, 29 de maio. Pensamento e Sementeira participa nesta Volta pola Irmandade.

A exposición itinerante sobre o centenario das Irmandades da Fala estará en Viveiro este domingo, 29 de maio. Pensamento e Sementeira participa nesta Volta pola Irmandade.
 
O colectivo viveirés Pensamento e Sementeira participa xunto a outras asociacións e institucións na Volta pola Irmandade. A exposición itinerante sobre o centenario da creación das Irmandades da Fala estará en Viveiro o domingo 29 de maio.
 
A iniciativa de ORA Galega desexa conmemorar ese centenario con esta exposición en homenaxe ao conxunto de homes e mulleres que hai cen anos traballaron para incrementar a nosa autoestima para defender a lingua, a cultura e a identidade galegas, para conseguir a igualdade de dereitos para a muller e para atinxir a soberanía estética, cultural e política de Galicia.
 
No ano 1916 na Coruña creouse unha asociación cuxo primeiro nome suxerido por Aurelio Ribalta e Antón Vilar Ponte, foi Liga de Amigos do Idioma Galego. Poucos meses despois na Real Academia Galega fundábase unha entidade que recibiu o nome de Irmandade dos Amigos da Fala que en moi pouco tempo pasou a se coñecer como as Irmandades da Fala. O seu obxectivo era a defensa, o pulo e o espallamento do idioma galego para posteriormente se constituír como unha plataforma en prol da lingua, a cultura e a identidade galega.
 
Por outra banda, o actor Pepe Penabade, o cuarteto Non cho digo, David Bellas e a Ensemble de Vento da BMV daranse cita no Roteiro das Irmandades, que terá lugar o 29 de maio a partir das 17:00 horas, con saída desde a praza Maior de Viveiro. Unha neta dun membro das Irmandades da Fala lembrará en Viveiro ao seu avó.