As Escolas Deportivas Municipais de Foz darán comezo o vindeiro 28 de setembro. O prazo de inscrición está aberto.

As Escolas Deportivas Municipais de Foz darán comezo o vindeiro 28 de setembro. O prazo de inscrición está aberto.
 
As Escolas Deportivas Municipais de Foz presentan mañá, mércores, ás 18 horas na Casa da Cultura de Foz, coa presenza do alcalde, Javier Jorge Castiñeira, as súas actividades para a vindeira temporada, que comeza o vindeiro luns, 28 de setembro. As disciplinas, sete en total, van dirixidas a nenos e nenas nados a partir do 2000 ata o 2012. O prazo de inscrición está aberto.
 
Os nenos nados en 2011 e 2012 tamén teñen unha actividade específica para eles, os Pequexogos, que se desenvolverán na Sala Bahía, de 16:15 a 17:15 horas os mércores e os xoves de 18 horas a 19 horas. Con ela quere facilitarse a relación con outros nenos e a aprendizaxe de valores de xogos, así como a iniciación para a práctica de futuros deportes.
 
Para o resto dos cativos as actividades son as seguintes: skate/BMX, os xoves ás 18 horas no Ceip Nº1; teatro, os mércores ás 17:40 horas na Sala Bahía; multideporte, os mércores ou venres, ás 18 horas no Ceip O Cantel; patinaxe artística, os luns a partir das 18 horas en tres grupos no Ceip O Cantel; ximnasia rítmica, os venres ás 17:30 horas no Ceip Nº1; obradoiro de cerámica, os martes ás 17:30 horas no Centro Social; e zumba e aeróbic xuvenil, os venres ás 19 horas no Centro Social. No caso do skate/BMX, os nenos nenas terán que traer o seu skate ou bicicleta máis as súas proteccións. Para o pádel e o tenis, cada alumno deberá levar a súa pala ou raqueta. No caso do pádel, os días que chova haberá a posibilidade de ir a Burela ás pistas do Activity Center.
 
As disciplinas impartiranse dende o luns 28 de setembro até o 27 de maio. O custe será de 15 euros mensuais por actividade, ou 17 por mes por dúas ou máis. As familias numerosas teñen un desconto de 50%.
 
As fichas de inscrición entregaranse na Casa da Xuventude e aos monitores correspondentes.  As cotas de inscrición emitiranse mes a mes. En tódalas actividades existe un número máximo de prazas que aseguren o correcto funcionamento dos grupos, así como un número mínimo para poder levalas a cabo, de oito persoas.  Aqueles que causen baixa deberán presentar por escrito no rexistro de entrada do Concello a correspondente solicitude. A devandita solicitude deberá realizarse antes do último día laborable do mes en curso e terá efecto no mes natural seguinte á data na que se presente o escrito. A todos os inscritos no Deporte Escolar proporcionaráselles un seguro individual de accidentes da Xunta de Galicia.  O primeiro día de cada actividade deberán presentarse tódolos inscritos na mesma para o reparto de grupos e categorías.
 
Ademais ao longo do curso programaranse outras actividades, como unha excursión a unha pista de xeo, outra de minisendeirismo ou unha viaxe ao parque acuático de Cerceda.
 
O prazo de inscrición nas disciplinas que ofrecen as Escolas Deportivas está aberto. Para máis información e inscrición os interesados deben dirixirse á Casa da Xuventude ou chamar ao teléfono 982.13.30.37.