Do 20 ao 22 de agosto terán lugar na Casa do Concello de Mañón as V Xornadas "Memoria dun tempo", que organiza Nordés.

Do 20 ao 22 de agosto terán lugar na Casa do Concello de Mañón as V Xornadas "Memoria dun tempo", que organiza Nordés.
 
Chega a cita coa Historia que cada ano, e van 5, propón Nordés para o mes de agosto: as Xornadas "Memoria dun tempo". Será os días 20, 21 e 22 na Casa do Concello de Mañón, na Praza do Mesón de O Barqueiro, ainda que aconsellamos consultar o cartaz adxunto por canto hai cousas que se fan fora do local citado. 
Como en edicións anteriores, os contidos das Xornadas son diversos no seu contido e forma. Así, en canto a isto último, teremos conferencias, proxección dun documental, un recital, un roteiro didáctico, xantar de amizade e a 3ª homenaxe a Republicanos e Libertarios. E en canto ás temáticas, a lembranza do final da II Guerra Mundial achegándonos ás historias persoais de homes e mulleres do Ortegal que, dunha forma ou outra, víronse involucrados na mesma, dun xeito tráxico en moitas ocasións. O relator será o historiador ferrolán Eliseo Fernández.
A devandita homenaxe na Ponte Vella de O Barqueiro, coa participación da asociación Coletivo Pensamento e Sementeira de Viveiro en representación dos veciños da Mariña que foron fusilados nese paraxe da nosa xeografía, moi cerca do monolito en recordo dos represaliados e represaliadas polo franquismo no Concello de Mañón.
A homenaxe contará tamén con intervencións de persoas a título individual e as cancións de Mini e Mero e Andrés Rodríguez, músicos que daran un recital para pechar o acto.
Os tempos da dura guerra civil e posguerra ocuparán o sábado cunha camiñata por Ambosores para coñecer dos feitos lutuosos que nos primeiros anos 50 tiveron lugar nese casal, encrucillada dos concellos de As Pontes, Mañón, Muras e Ourol. A actividade será guiada polo Nordesteiro de pro Bernardo Penabade.
E rematarase falando do papel da muller na guerrilla da man da Catedrática de Lingua e Literatura Galega na USC, historiadora e investigadora especializada no área da muller, Aurora Marco, xunto coa proxección do documental "As silenciadas", de Pablo Ces (Premio Mestre Mateo 2012 ó mellor Documental; Premio “Memoria i Justicia Universal” no Festival Internacional de Cine de Derechos Humanos de Santa Coloma de Gramenet (2011); Premio “Popular runner up” no Festival internacional online Humanity Explored 2013)
Ogallá o programa sexa do voso agrado e poidamos contar con vostedes como público e participantes nestas V Xornadas "Memoria dun tempo" organizadas por Nordés.