Foz e Burela serán os destinos do Festival Audiovisual da Mariña Imaxiña 2015, que organiza Imdecum. A cita volverá aos centros de ensino secundario.

Foz e Burela serán os destinos do Festival Audiovisual da Mariña Imaxiña 2015, que organiza Imdecum. A cita volverá aos centros de ensino secundario.
 
O Festival Audiovisual da Mariña Imaxiña 2015, baixo a organización de Imdecum, volverá aos centros de ensino secundario da Mariña combinando obradoiros de fotografía e vídeo cun atractivo concurso final. Co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo, o festival Imaxiña inclué en 2015 a participación dos IES de Foz e Perdouro de Burela, para que o seu estudantado se achegue ao mundo da imaxe. 
 
A Fundación Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo na Mariña presentou esta mañá o Imaxiña 2015, na súa sede, en Burela. O presidente da entidade, Marcelino Luna Almarza, estivo acompañado polo artista burelao Davi Xino, que apadriñará a quinta edición do festival, coa colaboración do realizador audiovisual focego Manuel Gil.
 
O alumnado de Foz e Perdouro poderá dar renda solta á súa creatividade a través do concurso final, en dúas  categorías,  fotografía e vídeo, ata o 30 de decembro; esta fase tamén estará aberta para os centros que participaron en edicións anteriores, Monte Castelo (Burela), Marqués de Sargadelos (San Cibrao), Vilar Ponte (Viveiro), Dionisio Gamallo (Ribadeo), María Sarmiento (Viveiro), Illa de Sarón (Xove) e Alfoz-O Valadouro. Coa chegada de 2016, a Fundación Imdecum fará público o nome dos gañadores, que recibirán unha cámara fotográfica como premio, na exposición dos traballos seleccionados. 
 
Historia do festival
 
En 2011, o festival Imaxiña deu os seus primeiros pasos descubrindo o mundo do audiovisual no IES Monte Castelo, a través dun obradoiro creativo de vídeo ‘Fotografía en Movemento’, coa participación do pintor xovense Xoán Guerreiro, a comunicadora cervense Sabela Blanco e o profesor de Debuxo e Artes do Monte Castelo Pedro Cabarcos, ademais dunha charla sobre fotografía da reporteira gráfica de La Voz de Galicia Pepa Losada.  Na segunda edición, a iniciativa, coa colaboración fotógrafo focego Xulio Villarino, estendeuse aos IES Marqués de Sargadelos, Vilar Ponte  e Dionisio Gamallo Fierros, cunha excelente resposta no concurso, con fermosas e orixinais visións da Mariña. En 2013, incorporáronse o María Sarmiento e o Illa de Sarón, nunha edición apadriñada polo polifacético artista viveirense David Catá. O ano pasado, os fotógrafos Marián G. Mesa e Héctor Manasé compartiron a súa percepción artística co IES Alfoz-O Valadouro, cunha gran resposta por parte do seu alumnado.
 
Premios 2014
 
A edición de 2014 resolveuse con dobre premio na categoría de Fotografía,  cunha instantánea de campo, cun parella de animais moi especial como protagonista, de Raúl Sánchez Fernández, de 3ª ESO do IES Alfoz-O Valadouro, e coa imaxe dun faro, de Javiera Duarte Araya, de 2º BAC do IES Monte Castelo. Tamén resultaron finalistas traballos de Sandra Gómez Daura, de 3ª ESO do IES Alfoz-O Valadouro, e de Andrés Álvarez Rodríguez, de 2º BAC do IES Ribadeo. O xurado do concurso decidiu declarar deserta a vertente de Vídeo.