Múltiples actuacións musicais, teatro e actividades para os máis pequenos configuran a axenda cultural de Ribadeo para o que resta de verán.

Múltiples actuacións musicais, teatro e actividades para os máis pequenos configuran a axenda cultural de Ribadeo para o que resta de verán.
 
Actuacións musicais de diferentes estilos, teatro, exposicións e actividades para nenos e nenas configuran a programación da Concellería de Cultura para o que resta de verán e que foi presentada hoxe este mediodía na Casa do Concello, en Ribadeo.
 
O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, subliñou que “quedan dous meses e medio de actividade cultural intensa. Como sempre prestamos moita atención no verán á música. Temos que escoitar toda a actividade musical desenvolvida en torno ao Día da Gaita, temos que escoitar tamén concertos da Banda de Música Municipal de Ribadeo ben sexa o Festival de Bandas, o concerto do Día da Patria ou mesmo xa a carón do remate do verán o Festival de Música de Cine”. 
 
O edil nacionalista contou que “neste eido temos que escoitar tamén á Coral Polifónica de Ribadeo, escoitarémola este martes, mañá, na igrexa parroquial ás 20:45 horas, e escoitarémola cando sexan as Festas da Patroa no seu tradicional concerto integrado na misa solemne. Temos que escoitar tamén música de jazz, haberá un curso de iniciación ao jazz que levará implícita unha actuación ao remate do curso para mostrar ao público en xeral o interesante e frutífero que terá sido este curso de iniciación ao jazz”. 
 
Farruco Graña explicou que “por suposto teremos unha cita coa música clásica como todos os veráns co XI Festival Internacional de Música Clásica de Ribadeo, teremos ocasión para escoitar o clásico concerto de I colori dell´ armonía. Tamén o SonRock Ribadeo, que agardamos que teñamos bo tempo para poder celebralo ao aire libre como se merece un bo concerto de rock, pero se o tempo non acompañara sería no auditorio Hernán Naval”.
 
O responsable de Cultura engadiu que “como colofón de actuacións musicais no verán en torno ás festas da patroa teremos a actuación de Roi Casal. Son moitos detalles que non podemos precisar todos, recomendo que sigan a guía que repartiremos por todo o concello a partir de mañá”.
 
Graña comentou que “está habendo xa exposicións no Forte de San Damián, en concreto estes días inaugurouse a exposición de fotografía de Iván Álvarez Merallo. Nestes momentos tamén está exposta na Sala de Turismo unha mostra de debuxo de Carla Méndez e a exposición de pintura de Manuel Cancio que está habendo na sala do parque de San Francisco. Nestas tres salas ao longo de todo o verán haberá diversas exposicións de pintura, fotografía e gravado”.
 
O concelleiro de Cultura engadiu que “tamén haberá moita actividade para os picar@s. Os mércores haberá una actividade cara ás 20:30 horas para rapaces e rapazas. Temos que lembrar ademais distintos actos culturais como poden ser as Xornadas de Historia Local, as tradicionais festas da malla ademais da carne ao caldeiro, e non descartamos que aínda se poida incorporar algunha actividade máis á programación, pero a necesidade de axustar detalles de última hora lévanos a ser prudentes e agardar a que se vaian confirmando”.
 
Pola súa banda o técnico de Cultura, David Díaz matizou que “as actividades infantís son unha aposta clara ao longo do ano mais o tempo permite no verán realizalas ao aire libre. Teremos grazas ao programa Cultura no Camiño contacontos o 27 de xullo, títeres o 17 de agosto con Balaluva Teatro, e Novo Circo Malabares como previo das festas patronais o 2 de setembro con Pista Catro. Tamén teremos danza o 3 de agosto con Up 2 Down. Especial mención queríamos facer para a actividade do 16 de setembro no auditorio Hernán Naval, chamada A Alfombra Mágica”.
 
David Díaz engadiu que “o Mariñarte comezará o 3 de agosto e chegará ata o 16, unha cita que nos permitirá encontrarnos un conxunto de artistas vinculados á nosa Mariña no Forte de San Damián. Atoparemos diferentes disciplinas que van entrar en xogo como pintura, fotografía e escultura”.
 
Finalmente o técnico de Cultura relatou que “o Grupo de Teatro de Ribadeo despois do éxito da súa estrea de O Inspector, volverá facer un segundo pase o 2 de agosto. Nesta aposta polo teatro amador compre mencionar a obra Viva a revolución de Os Trangalleiros, o 25 de setembro, coa que abrimos o programa Buxiganga en colaboración coa Deputación de Lugo, que traerá unha serie de pezas ao noso concello”.
 
A axenda cultural do terceiro trimestre deste 2016 inclúe unha poesía de Xosé Otero Canto, que está incluída no libro recentemente presentado As Catedrais, portas do misterio. Coa lectura dese poema deu comezo a intervención do concelleiro de Cultura, Farruco Graña, esta mañá.