Achéganse os días grandes das festas patronais de Burela. O 2 de xuño terá lugar o concerto de Café Quijano, o 3 as alfombras florais e o 4 a procesión marítima.

O concerto de Café Quijano e La Década Prodigiosa o venres 2, a celebración do Gran Karaoke este mércores e xoves, e as celebracións mariñeiras durante a vindeira fin de semana, principais actos das festas de Burela que daban comezo este pasado sábado coa lectura do pregón a cargo de Ramón Marful. 

As patronais de Burela seguen hoxe cun programa que recolle a partires das 19:30 horas unha exhibición de ballet a cargo das Escolas Deportivas Municipais, que terá lugar na Casa da Cultura. Ás 20:15 horas dará comezo a actuación de Eu Son Band no auditorio da Casa da Cultura.

Mañá, 30 de maio, o programa de festexos continúa cunha exhibición de patinaxe artística no pavillón dos institutos, a partir das 18:30 horas. Ás 22:00 horas comezará o II Certame de Monólogos Concello de Burela. Terá lugar na Casa da Cultura e haberá premios en metálico e trofeos.

O mércores, 31 de maio, terá lugar o Gran Karaoke a partires das 20:00 horas nas categorías infantil e xuvenil, e o xoves 1 de xuño, tamén desde ás 20:00 horas, na categoría senior. Esta actividade terá lugar na explanada portuaria se o tempo o permite, en caso contrario realizarase na Casa da Cultura. A categoría infantil abarca ata os 12 anos, a xuvenil dos 13 aos 17 inclusive, e a senior dos 18 anos en diante. Haberá premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría, e os gañadores da categoría senior recibirán trofeos e premios en metálico.

O venres, 2 de xuño, dan comezo os días grandes das festas durante os cales haberá todo tipo de atraccións no recinto feiral instalado na explanada portuaria desde ese día 2 ata o 6 de xuño. Ese mesmo venres, a partires das 23:30 horas, actuarán en concerto Café Quijano, La Década Prodigiosa e Toplider.

O sábado, 3 de xuño, é o Día da Baixada ao Porto e ao longo de toda a xornada terá lugar a confección das espectaculares alfombras florais. Ás 12:30 horas haberá pasarrúas con: Charanga Mekánica, Banda de Gaitas Ciudad de Cangas de Onís (Asturias) e o grupo A Rebolaxe de San Cibrao. Ás 14:00 horas dará comezo a sesión vermú coa orquestra Principal no recinto das festas e pola tarde, desde ás 17:00 horas, de novo pasarrúas cos grupos da mañá. Ás 20:00 horas terá lugar un concerto da Banda de tambores e cornetas Santo Inocencio de Teixeira de Burela, na praza do Concello.

Ese sábado ás 21:00 horas haberá misa cantada pola Coral Polifónica de Burela na igrexa parroquial de Santa María de Burela, e ao remate terá lugar a procesión de baixada das imaxes da Virxe do Carme e San Xoan Bautista ao altar instalado na nave das redeiras no porto. Durante o paso da procesión polo peirao, o son do tradicional saúdo da flota pesqueira á Santa, celebrarase un espectáculo de pirotecnia aérea e acuática. Ás 23:30 horas dará comezo a verbena coas orquestras Principal e Galilea.

O domingo, 4 de xuño, o programa de festexos iniciarase con pasarrúas ás 11:00 horas, e ás 12:00 horas haberá misa cantada por Escolma de Deus no altar sito na nave das redeiras no porto. Ao remate terá lugar a procesión na que a Virxe do Carme será portada polo buque Raúl Primero acompañada por parte da flota pesqueira na travesía e pola Banda de Música de Vilalba en terra firme. Ás 14:00 horas terá lugar a sesión vermú coa orquestra Jerusalén, e a partires das 22:30 horas a verbena con Jerusalén de D´Moda.

O luns, 5 de xuño, celebrarase a procesión de subida das imaxes ata a igrexa parroquial de Santa María, acompañada da Banda de Gaitas Dambara de Burela, e ao remate haberá misa cantada pola Coral Polifónica de Burela. Ás 14:00 horas haberá sesión vermú coa orquestra Miramar, e a partires das 22:30 horas verbena con París de Noia e Miramar.

As patronais de Burela rematarán o martes 6 de xuño ás 12:00 horas cunha ofrenda floral no porto, en homenaxe ás persoas que morreron no mar, a cargo da embarcación Salvamar Saturno da Cruz Vermella de Burela.