Acisa e a Escola Oficial de Idiomas de Ribadeo organizan cursos de inglés para formar ao persoal de comercio e de hostalaría.

Acisa e a Escola Oficial de Idiomas de Ribadeo uníronse para levar a cabo un novo proxecto de formación en inglés para persoal de comercio e hostalaría. 

Carmen Cruzado, a presidenta de Acisa, explicou que “hoxe vimos de presentar un novo proxecto que nos parece moi interesante, facémolo da man da Escola Oficial de Idiomas de Ribadeo coa finalidade de ofrecer a todos os traballadores e traballadoras do comercio e da hostalaría a realización dun curso de inglés especifico para todos eles. Con este curso o que pretendemos é dar un novo servizo dende a nosa entidade. Trátase de ofrecer formación en idiomas dun xeito técnico e adaptado ao vocabulario mais necesario para os profesionais destes dous grandes sectores económicos, cubrindo así unha demanda que vimos observando dende fai anos”.

Cruzado Iglesias subliñou que “Ribadeo recibe cada ano a máis turistas chegados desde outros países, a maioría falan inglés… e pensamos que sería moi bo que cando van a un bar, a un restaurante, a un hotel ou a un comercio se poidan comunicar con nós nesa lingua, dunha forma sinxela. O turismo estranxeiro vai a máis e nós debemos estar preparados para recibilo. Cantos mellores sexan os servizos que ofrecemos desde Ribadeo e desde os nosos negocios, mellor será para todas e todos”. 

A directora da EOI de Ribadeo, Paloma Galán, indicou que “este proxecto contempla dous cursos diferentes, ambos de aprendizaxe de inglés, pero en dous niveis. O básico A2 para aquelas persoas que necesitan iniciarse no inglés, e o nivel intermedio B1 para aqueles que xa teñen coñecementos previos deste idioma. Estes cursos de 60 horas cada un, desenvolverase de setembro a maio”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, dixo que “o curso de iniciación será impartido os luns de 20:00 a 22:00 horas e o de nivel intermedio os mércores tamén de 20:00 a 22:00 horas. Para inscribirse solo hai que presentar o DNI, o impreso de matricula e aboar unicamente as taxas correspondentes. O prazo de matricula estará aberto todo o mes de xullo e no caso de quedar vacantes reabrirase de novo do 1 ao 15 de setembro. As persoas interesadas poden obter toda a información necesaria ou consultar calquera dubida na web https://www.edu.xunta.gal/centros/eoiribadeo/ escribir o mail eoi.ribadeo@edu.xunta.gal ou chamar o 982 129 657”.

E engadiu: “é importante destacar que este curso está aberto a todo o mundo, a calquera persoa que estea traballando en nalgún comercio, bar, restaurante, hotel... O que teñen que saber é que o temario estará completamente dirixido a facilitar os coñecementos necesarios para desenvolverse con maior soltura en inglés nos seus postos de traballo, tanto do sector comercial, do hostaleiro e tamén dos servizos”. 

A iniciativa foi presentada por Paloma Galán, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.