Burela vivirá do 4 ao 8 de xuño dun xeito diferente os días grandes das súas festas patronais.

Burela prepárase para vivir dun xeito diferente a fin de semana grande das súas festas patronais, marcadas neste 2021 pola situación sanitaria ocasionada polo covid. 

Hoxe, venres, ás oito da tarde na praza da Mariña terá lugar o concerto do grupo de rock da Escola Municipal de Música de Burela. Mañá, 5 de xuño, desde as nova da mañá na praza do Concello desenvolverase a confección da alfombra floral. E haberá pasarrúas a cargo da Mekánika Rolling Band e da A.C.M. Dambara, un entre as 12 e as 15 horas e outro entre as 19 e as 21 horas. Xa ás nove da noite celebrarase misa solemne na igrexa parroquial de Santa María.

O domingo, 6 de xuño, a Banda de Santo Inocencio de Teixeira ofrecerá un pasarrúas por Burela. E ás 12 haberá de novo misa solemne na igrexa parroquial e á unha do mediodía interpretación da salve mariñeira no barco boniteiro Reina del Carmen. 

O luns, día 7, que é festivo local ás 12 horas misa solemne e ás 12:30 na praza do Concello actuación dos Acordeonistas da Mariña.

E xa o martes, 8 de xuño, terá lugar no porto a ofrenda floral marítima.

A presidenta da comisión organizadora das festas de Burela, Toñi Eijo, e o concelleiro de Cultura, José Díaz, aproveitan a ocasión “para desexarlles unhas felices festas ás nosas veciñas e veciños. Este ano toca celebrar estas datas dun xeito diferente, con moita responsabilidade e adaptándonos á normativa sanitaria vixente en cada momento. Agardamos que no 2022 Burela, a súa veciñanza e toda A Mariña poidan disfrutar dunha festas patronais con verbenas, con concertos, con recinto feiral, con xuntanzas… tal e como estabamos acostumados a facelo”.