Chévere Teatro presenta o 28 de novembro no auditorio municipal de Burela "As fillas bravas e o mito de Casandra".

A Concellería de Cultura programa a representación a cargo de Chévere Teatro de As fillas bravas e o mito de Casandra. A función terá lugar no Auditorio Municipal este sábado, 28 de novembro, ás 20:30 horas. O prezo da entrada é de 4 euros.

A obra ía ser presentada inicialmente no pasado mes de maio pero foi adiado debido á crise do covid-19. Con este novo espectáculo Chévere Treatro busca concienciar á poboación sobre o impacto do cambio climático e artellou esta peza que expresa con contundencia a preocupación polo planeta destas tres mulleres de aldea.

As Fillas Bravas son tres pandereteiras do lugar de Momán, no concello de Trabancas, que cantan coplas e contan contos escoitados ou inventados. Usan as fontes do teatro grego e da música tradicional galega como ferramentas para a súa singular conversa cantada.

É unha obra na que tres mulleres maiores buscan, por un lado, tratan de entender o cambio climático e facerlle fronte aplicando os saberes e a experiencia dunha vida longa no rural. Por outra parte, é unha obra con perspectiva de xénero á procura de personaxes femininos empoderados, colocando o foco nunha muller afirmativa, autónoma, creativa e implicada na colectividade.

Na mitoloxía grega, Casandra, filla do rei de Troia, era tan fermosa que Apolo ofreceulle o don da profecía se aceptaba converterse na súa amante. Ela accedeu pero cando Apolo se lle achegou ela negouse. O deus ofendido pensa un castigo exemplar, sen deixar de cumprir a palabra dada, concédelle a Casandra o don de predicir o futuro, co engadido da maldición de que ninguén vai acreditar o que ela diga. Na actualidade, a maldición de Casandra materialízase nas persoas que se dedican á investigación científica. A ciencia trata de comprender, respectar e actuar acorde coas leis do universo, pero poucas veces se lle fai caso e a comunidade ve como a sociedade camiña cara a un desenlace que se podería evitar.

A obra está escrita por Manuel Cortés, e baixo a dirección de Xron, está interpretada por Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar.

Colaboran na organización deste evento: Xunta de Galicia, AGADIC, Rede Galega de Teatros e Auditorios e Xacobeo 2021.