A comisión organizadora das festas patronais de Burela anuncia que este ano suspéndense os festexos, que ían ter lugar do 5 ao 8 de xuño.

A concelleira burelesa e presidenta da comisión organizadora das festas patronais, Toñi Eijo, anuncia que non haberá festexos neste 2020 debido á pandemia do Covid-19. A edil subliña que as festas de Burela reúnen todos os anos a milleiros de persoas, o que fai que nas circunstancias actuais non se poidan celebrar. A cita ía ter lugar do día 5 ao 8 do vindeiro mes de xuño.

Toñi Eijo declarou que “debido á situación actual que estamos a vivir, como consecuencia do Covid-19, a directiva da comisión organizadora das festas de Burela suspende os festexos que ían ter lugar os días 5, 6, 7 e 8 de xuño”.

A presidenta da comisión organizadora das festas patronais de Burela dixo que “estivemos esgotando todos os prazos posibles, pero son unhas datas que congregan a unha aglomeración de xente, son miles de persoas ás que veñen a estas festas, entón é inviable que se poidan celebrar”.

Eijo lembrou que “nos tocaba facelas agora, dentro dun mes, co cal decidimos que non. Sentíndoo moito, a nosoutros gustaríanos, pero ata o ano non haberá festas patronais en Burela”.