A curta documental "Eido Dourado", que verá a luz en breve, repasa a vida do artista barreirense Celso Dourado.

Trailer da curta documental Eido Dourado: http://intruso.eu/eidodourado.html 
Logo do peche do espazo privado de arte ‘Eido Dourado’, verá a luz o traballo documental co mesmo título, que rende homenaxe “á persoa é á obra” do pintor mariñán Celso Dourado. 

A estrea de Eido Dourado é unha celebración da creatividade e a vida, na que se dan cita as voces de persoas que o coñecen para falar da persoa e do artista. O filme conta con imaxes inéditas gravadas ao longo de varios anos. Pero, sobre todo, é o esbozo dun creador único, no que sobresae a propia voz de Celso para amosarnos que non existe maior tesouro na existencia que atopar un lugar, o verdadeiro fogar dun mesmo, e habitalo.

A curta documental dirixida por Martín G. Rodil serve asemade como homenaxe ao Eido Dourado que pechara as súas portas en Barreiros hai un ano. Pero, tal e como explica o propio director, “representa fundamentalmente a celebración dun lugar simbólico, unha idea que dá forma a toda unha vida de traballo e dedicación entorno a un proxecto que vai máis alá daquel espazo e dos 10 anos de tempo durante os que permaneceu aberto ao público o Eido Dourado”. No filme, descríbese como logo de máis de 20 anos de traballo, o pintor Celso Dourado abre ao público o espazo de arte nas inmediacións da praia Da Pasada, baseado na autoconstrucción e na reciclaxe de materiais, e o que isto significou no seu momento para unha persoa cunha traxectoria persoal tan complexa.

Celso fai unha estremecedora revisión da súa experiencia persoal, e tamén describe os riscos primixenios na orixe do seu traballo.

Na peza documental, Celso bota a vista atrás e conta polo miúdo cales foron as verdadeiras razóns polas que chegou a reunir unha obra con semellante forza creativa e tan particular, malia perder as súas mans á idade de oito anos. “Eido Dourado é unha celebración da creatividade e a vida, na que se dan cita as obsesións dun creador único, que nos mostra que non existe maior tesouro na existencia que atopar un lugar, o verdadeiro fogar dun mesmo, e habitalo”, di o director.

A curta, que se publicará en breve para o visionado online, está realizada por Martín G. Rodil, e conta coas voces narrativas do propio Celso Dourado, Teresa Barcia, Comba Campoy, Xurxo Souto e Manolo ‘O Panforreteiro’.