Do 2 ao 6 de xullo terá lugar en Burela o IX Curso de Música Interdisciplinar no que se preparará unha adaptación dunha zarzuela galega.

A Escola Municipal de Música de Burela organiza o IX Curso de Música Interdisciplinar, que se desenvolverá dos días 2 ao 6 de xullo. A actividade, que é gratuíta, foi presentada hoxe polo concelleiro de Cultura en Burela, José Díaz, a quen acompañaron o director da escola, Xan Carballal e a profesora de canto Irina Semkina. 

Neste curso preparase unha adaptación musical da zarzuela galega Non chores Chabeliña, composta por Gustavo Freire en 1943 e con libreto en galego de Xosé Trapero Pardo. Traballaranse distintos aspectos musicais, tanto individuais como de grupo, e tamén haberá un apartado de caracterización, decorados e preparación dos personaxes desta zarzuela.

No curso incluirase un obradoiro infantil no que poderán participar todos os nenos e nenas que o desexen desde os 4 anos. Ofrecerase ademais a posibilidade de que alumnos de diferentes niveis poidan participar con instrumental Orff, potenciando así o traballo en grupo e a coordinación.

O 6 de xullo terá lugar o concerto de clausura que se celebrará, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal.