A EMMeD de Ribadeo celebrará o seu festival de fin de curso o 16 de xuño no auditorio Hernán Naval.

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo vai camiño de pechar o curso 2017/18. Farao de xeito oficial este sábado, 16 de xuño, en dúas sesións ás 12:00 e 18:00 horas no Auditorio Hernán Naval, coa celebración do festival de fin de curso que nesta ocasión estará dedicado ao músico ribadense Carlos Álvarez Fernández-Cid, polo que se insire nos actos de celebración do centenario do seu nacemento. 

As diferentes agrupacións que sairán a escena interpretarán música de diferentes estilos, facendo un percorrido por case todo o mundo.

O responsable da Escola Municipal de Música de Ribadeo, Hugo García, subliña que “será, unha vez máis, un festival que non deixará a ninguén indiferente. Tentaremos sorprender á xente cun festival concibido para que o desfruten”.