A empresa Champivil-Castelo, de Vilalba, sortea unha entrada para acudir ao Resurrection Fest, que se celebra en Viveiro do 5 ao 8 de xullo.

A empresa galega Champivil-Castelo, especializada na transformación de produtos autóctonos naturais e que lidera o envasado de grelos e de setas en Galicia, convidará a unha persoa a presenciar os concertos de 30 bandas no Resurrection Fest. En concreto, o gañador poderá escoitar o sábado 8 a bandas de sona mundial como Arch Enemy, Bury Tomorrow, Mastodon, Morphium, Rancid, Sabaton, Besta, Krisiun, Lords of Black, Mayhem, Mutant, Obituary, Revolution Within, Taake, Adhesive, Agnostic Front, All Out War, D.Y.S., Talco, The Blackjaw, Undeclinable Ambuscade, Band Contest, WTF, Conan, Degraey, Mantar, Orange Goblin, Pentagram, Porco Bravo, Quaoar e Band Contest, repartidas todas elas nos catro escenarios cos que conta o festival. 

A empresa chairega, especializada en transformar e comercializar produtos autóctonos galegos, acudirá este ano por primeira vez ao festival que se celebra en Viveiro do 5 ao 8 de xullo e para celebralo sortea unha entrada entre as persoas que entren no seu facebook (www.facebook.com/champivil.castelo) e participen no concurso aberto para a ocasión. Champivil-Castelo tamén sorteará un lote de produtos entre os asistentes ao Resurrection que visiten o seu stand e se fagan unha foto probando os seus produtos para compartila a través das redes sociais. 

A xerente de Champivil, Luz Divina Castelo, explicou que "Champivil quería estar presente nun festival que se converteu xa nunha referencia a nivel internacional para os afeccionados á música heavy de todo o mundo". Para estar no Resurrection, a empresa vilalbesa construiu un stand especial co que acudirá ao festival e no que dará a probar os seus produtos, que cociñará in situ e á vista do público, como xeito tamén de demostrar as posibilidades culinarias dos seus preparados como o de tortilla, o arroz con setas ou os grelos enlatados. "O que nós facemos é precociñar unha serie de produtos tradicionais de Galicia mantendo todas as súas cualidades e propiedades para que calquera persoa poida disfrutalos na súa casa de xeito cómodo e doado", explica Luz Divina Castelo. 

Champivil-Castelo, é unha empresa de Vilalba con máis de 50 anos de historia pioneira na exportación de setas silvestres galegas a Europa e a primeira que envasou grelos e estrugas co obxectivo de aumentar deste xeito a vida útil e o periodo de consumo de produtos estacionais do noso país. Neste momento conta cunha ampla gama de produtos no mercado, que van desde as conservas naturais de grelos, berzas ou estrugas, ás setas deshidratadas, as marmeladas de froitos vermellos ou os preparados de caldo ou tortilla de patacas. Os produtos de Castelo traspasan as fronteiras galegas a través das grandes cadeas de distribución como Gadis, Eroski, Carrefour ou El Corte Inglés.

A cervexa máis heavy

Champivil ven de sacar ao mercado con notable éxito unha nova gama de produtos: dúas cervexas artesás de grelos e de setas. A responsable da empesa explicou que este novo produto segue a liña de traballo dos últimos anos da firma luguesa. “Champivil-Castelo sempre se caracterizou por dúas cousas: mimar o produto galego e innovar na súa comercialización”, como destacou Luz Divina Castelo. A empresa vilalbesa foi pioneira en sacar ao mercado grelos e estrugas enlatadas e conta cunha ampla variedade de conservas que van desde as marmeladas de froitos silvestres ás setas ou os preparados de caldo ou tortilla de patacas.

Estas novas cervexas nacen da colaboración co mestre cervexeiro Paterpaul e comercialízanse tamén a través do facebook da empresa vilalbesa. A gama negra de trompeta dos mortos é unha cervexa de estilo irlandés á que no último momento da cocción se lle engade a infusión desta seta, habitual nos montes galegos, para que conserve así os aromas e a cor escura característica da trompeta dos mortos. O resultado é unha cervexa contundente e de escuma máis densa que na cata recorda o aroma a monte e a humidade. Champivil anuncia a cervexa de trompeta dos mortos de cara ao Resurrection Fest co lema "a cervexa máis heavy". 

A súa irmá, a cervexa de grelos é unha cervexa rubia á que se engaden na cocción grelos da Terra Chá que soltan o seu sabor e color á mestura. O resultado é unha cervexa clara cun matiz verdoso e percíbese ao degustala o amargor do grelo. É unha cervexa refrescante pensada para a primavera e o verán. 

Trátase nos dous casos dun produto gourmet de produción limitada, dispoñible en dous formatos, de 33 e 75 cl., pero cun prezo asequible “para que todo o mundo a poida probar”, indicou Luz Divina. A primeira fornada das dúas variedades, presentadas hai un mes, esgotouse en poucos días. As cervexas poden adquirirse a través do facebook de Champivil-Castelo. “Fixémolo así porque queremos que os produtos galegos se espallen e cheguen máis alá das nosas fronteiras e as redes sociais son un medio idóneo para iso”, explicou a responsable da empresa, que irá producindo a cervexa en función da demanda, en lotes pequenos, para que non se almacene durante moito tempo e non se faga vella, outro valor engadido con respecto ás cervexas de produción industrial. 

O proceso de elaboración tanto da cervexa rubia de grelos como da cervexa negra de trompeta dos mortos é totalmente natural e artesán e leva dous meses e medio. Os ingredientes son auga de fonte, malta de cebada, lúpulos nobres suaves para que predomine o aroma do grelo e e da seta e levaduras de cervexa neutras tamén con ese obxectivo. Para a súa fabricación úsase unha porcentaxe de malta de cebada 100% moi superior á empregada nas cervexas industriais (30 quilos de malta por cada 100 litros de auga neste caso fronte aos só 8 das cervexas industriais). Outra diferenza fundamental é que esta cervexa non leva ningún tipo de produto químico nin ningún engadido.