A Mancomunidade de Municipios da Mariña presenta 3 audioguías ficcionadas sobre os cascos históricos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro.

A Mancomunidade de Municipios da Mariña presenta tres audioguías ficcionadas sobre os cascos históricos de Ribadeo, Mondoñedo e Viveiro. Presentan historias ligadas aos espazos polos que discorre cada paseo, que terán unha duración duns 45 minutos. Están protagonizadas polo grupo de teatro Chévere. A iniciativa lévase a cabo grazas ao convenio asinado coa Deputación de Lugo, e foi presentada este mediodía en Mondoñedo, pola tarde haberá un acto en Ribadeo ás 17:30 horas, e mañá farase a presentación ás 11:30 horas en Viveiro.

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña Mariña, Alfredo Llano, manifestou que “esta iniciativa, que foi tomada pola Mancomunidade, consiste basicamente en aportar un método diferenciado para atraer xente e facilitar á que veña aquí a que nos coñeza un pouco máis. Darlle información de primeira man dunha forma,  esperemos que moi atractiva e que serva para o que nosoutros pretendemos, que non é outra cousa que potenciar A Mariña en todas as súas vertentes”.

Llano subliñou que “unha das pretensións da que xa temos falado é que A Mariña sexa un atractivo durante todo o ano, que exista fluidez, que veña xente desde xaneiro a decembro, aínda que xa sabemos que a máxima concentración imos atopala nos meses de verán. Esta posibilidade do turismo cultural, deportivo e de todo aquilo que poida interesar, xeoloxía, etnografía, todo aquilo que sexa bo para A Mariña, imos tratar de darlle para adiante”.

O presidente da Mancomunidade explicou que “estas audioguías están gravadas agora mesmo en galego, porque é unha proba o que se vai facer hoxe e mañá. Xa tivemos o outro día un pleno na Mancomunidade no que decidimos ampliar a tradución ao castelán máis ao inglés, e xa veremos se no futuro hai que poñer algún idioma máis. Trátase de facilitar a toda persoa nacional ou internacional esta información e que poida disfrutar destas audioguías, destas visitas teatralizadas”.

Llano engadiu que “hoxe será a presentación e pouco a pouco iremos avanzando onde van estar colocadas e como se van distribuír aos interesados que queiran empregalas. Consideramos que é bo, é unha fórmula que agora mesmo estase empregando en moitos sitios. Os cascos históricos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro van ser os tres iniciais, pero hai que ter en conta que hai moito que ver en todos os concellos da Mariña, todos teñen algunha singularidade cultural e de todo tipo. Trátase de darlle importancia e esperemos que teñan moi boa acollida tanto nos concellos como na xente que queira empregalas”.

No acto desenvolvido hoxe en Mondoñedo participaron o responsable da Área de Turismo da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal, a alcaldesa da localidade, Elena Candia, e o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano. 

En Ribadeo participaron tamén Llano e Vidal e a concelleira de Turismo da localidade, Ana Martínez. 

A Deputación achegou 25.000 euros para levar adiante este proxecto.