A Mancomunidade presentará en Fitur 2024 a súa nova marca turística e de territorio "A Mariña, Galicia de corazón"

Os dezaseis Concellos que conforman a Mancomunidade únense baixo a nova marca turística e de territorio A Mariña, Galicia de corazón, que foi presentada nun acto esta mañá ao que acudiron centos de persoas. A primeira parada na que se dará a coñecer será en Fitur 2024. 
 
Trátase dunha marca “con personalidade, auténtica, feminina, culta e universal, con vocación de permanencia e liderazgo”, segundo subliñan desde a entidade.  
 
A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, indicou que “A Mariña é un territorio, un sentimento, un xeito de facer as cousas, pero tamén un compromiso. O compromiso que amosan cada día os dezaseis concellos que conforman a Mancomunidade, as empresas e axentes vinculados ao turismo que con esforzo e implicación, están colaborando coa consecución dos obxectivos do Plan de Sostibilidade Turística.”. 
 
López subliñou que “hoxe, grazas á inxección de 2 millóns 225 mil euros do PST e ao apoio da Deputación de Lugo, Xunta de Galicia e SETUR, estamos abordando proxectos que sen dúbida van permitir potenciar os esforzos realizados e darán un novo impulso e proxección ao destino. Un proxecto que nos está permitindo traballar para contribuír a afrontar o reto demográfico, consolidar a Mancomunidade coma ente xestor do destino, traballar en alcanzar un uso sostible do noso patrimonio cultural e natural, de infraestruturas verdes en torno á mobilidade activa e sostible, renovar, crear ou consolidar produtos turísticos, con recursos endóxenos e de calidade, que contribúan á desestacionalización e a desconcentración dos fluxos turísticos, así como á cohesión territorial”. E engadiu: “un plan estruturado en 5 eixos básicos e 18 liñas de actuación con propostas que xorden dun traballo conxunto realizado da man dos concellos e axentes turísticos da Mariña. Neste contexto e mais concretamente dentro da Estratexia e plan de marketing que elaboramos xurde a nova marca turística e de territorio que presentamos hoxe aquí”. 
 
En primicia e como anticipo a FITUR, a presidenta da Mancomunidade, compartiu cos asistentes ao acto o vídeo deseñado para abordar unha potente campaña de comunicación que terá lugar durante o ano 2024 a cargo do PST. “Unha peza baixo o título A Mariña. Toma o teu tempo que transmite dun xeito esencial e poético a alma do que queremos contar e compartir, indicou.
 
A vicepresidenta da Mancomunidade, Ana Ermida, explicou na quenda de intervencións os obxectivos da nova marca: “fortalecer o protagonismo da Mariña, impulsar a renovación da nosa identidade e conectar A Mariña cos seus recursos máis recoñecidos; aumentar a rendibilidade económica e social; atraer fóra de tempada a un turismo galego e nacional de escapada slow, coa cultura, a natureza, o deporte ou a gastronomía como motivacións; mellorar a calidade da experiencia turística; potenciar a participación da cidadanía, do sector e dos visitantes; e conseguir sinerxias co resto de sectores económicos do territorio, favorecendo a colaboración público – privada,  abrindo espazos para a interacción”.
 
Ermida subliñou que a nova marca “quere inspirar o sentimento de pertenza entre a poboación local e que representa os valores da Mariña: unha Galicia cantábrica auténtica, con gran personalidade, acolledora, de escala humana, baseado nun ritmo de vida tranquilo que se expresa a través dunha cultura e patrimonio singular, dunha sorprendente paisaxe, e dunha gastronomía propia vencellada á cultura mariñeira e a un produto local”. 
 
No 2024 a Mancomunidade de Concello abordará unha campaña interna, que terá como obxectivo espertar o sentido de pertenza entre a cidadanía local: A Mariña, Latexa contigo. A nivel externo será lanzada a campaña de publicidade Toma o teu tempo, deseñada para atraer visitantes nos meses de baixa demanda e inclúe a renovación dos soportes de comunicación, a elaboración de merchandising, o deseño e execución dun plan de activación da marca a través de eventos en mercados obxectivo e o deseño de campañas publicitarias.
 
No acto tamén interviñeron Pablo Rivera, deputado da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Carmen Pita, Directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia, e Isabel Rodríguez, subdelegada do Goberno en Lugo. A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, tivo palabras de agradecemento para todas as administracións implicadas no desenvolvemento do PST. 
 
Ademais dos representantes políticos e técnicos dos concellos da Mariña, en Mondoñedo déronse cita representantes do Clúster de Turismo de Galicia, de APEHL, do Bispado da Diocese Mondoñedo-Ferrol, das Acias e dos Concellos da comarca, entre outros organismos e entidades, así como numerosos colaboradores do sector turístico privado. 
 
O broche final tivo lugar coa entrega de diplomas ás 29 empresas e servizos da Mariña integrados no SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística): 
• Hotel Albergue Montero
• LUZADA - Glamping Burbujas
• Finca Goleta
• Hotel Mi Norte
• Hotel- apartamento Complexo Alameda
• Lumen Place Albergue
• Lumen Place Apartamentos
• Hotel A Finca
• A Lume Manso PR*
• Finca Galea
• Os Tres Teixos
• Casa do Mudo
• Casona de Labrada
• Cabanas da Barcela
• Hotel U Viveiro
• Hotel Ego
• Hostel Áncora Foz
• Malates Slow Boutique Hotel, Foz
• Hotel Restaurante Javier Montero
• Restaurante El Oviedo
• Augas Santas cervexería artesanal
• Oficina de Turismo de Ribadeo
• Oficina de Turismo da Pontenova
• Oficina de Turismo do Vicedo
• Oficina de Turismo de Burela
• Oficina de Turismo Viveiro
• Sra. María Servizos Turísticos
• Barco Museo Boniteiro Reina del Carmen
• Catedral de Mondoñedo