O CCA de Burela organiza un feixe de actividades para preparar a Noiteboa e o Nadal. Unha banda de Papá Noeis percorrerá as rúas da vila.

O Centro Comercial Aberto de Burela organiza o día 22 de decembro un pasarúas musical a cargo dunha banda de Papás Noeis que percorrerán as rúas da vila e amenizarán as compras que se fagan estes días. Poderase ver a actuación entre as 17.00 e 22.00 horas.

A comitiva non virá soa xa que un grupo de elfos axudantes percorrerán os comercios asociados que recollerán as cartas dirixidas a Papá Noel para levalas directamente ao Polo Norte onde xa está case todo preparado para o reparto de regalos. Os elfos estarán tanto o sábado 22 como o domingo 23 polas tardes de 17.00 a 20.00 horas.

Queren lembrar, tamén, que o domingo 23 de decembro os comercios permanecerán abertos todo o día para facilitar que as compras se poidan facer en calquera momento.

Todo isto para prepar o prato forte, que será a presencia, o luns 24 de decembro, de Papá Noel en persoa na praza do Concello entre 17.00 e 19.00 horas, onde estará para facer un encontro con pequenos e pequenas.

Lembramos que o sábado 22 é o sorteo da lotería de Nadal e o CCA Burela xoga o 84803, non só iso, senón que nos folletos que se están a repartir xóganse 5 céntimos desde número. 

Estas actividades enmárcanse dentro da campaña de promoción de compras de Nadal do CCA Burela para concienciar da importancia destas datas para o pequeno comerciante local. Durante os seguintes días continuarán con diferentes eventos e algúns estarán durante todas as datas, como o tiovivo e o tren na praza do Concello, que seguirán instaladas durante todo o período de festas.