O Cine Teatro, de Ribadeo, será do 2 ao 4 de maio a residencia artística de "Juana", unha performance de Marina Oural.

O Concello de Ribadeo acolle por vez primeira en residencia artística a obra escénica multidisciplinar Juana, onde poesía, danza e música se imbrican coa inspiración da poeta uruguaia Juana de Ibarbourou, Juana de América. 

Filla de pai laurentino, esta escritora americana dá nome á biblioteca de Lourenzá e corresponde co lugar de nacemento da creadora e directora da obra, Marina Oural. Son os versos de Juana os que lle inspiraron a creación dunha performance onde integra textos propios, xunto a poemas da poeta uruguaia e un de Rosalía de Castro. Pon a voz e corpo a textos que brincan con música e danza composta para esta peza. Asumen así o risco varios artistas de diferentes ámbitos o reto de compor unha obra de arredor de 50 minutos onde a Improvisación Libre Multidisciplinar é a ferramenta base de traballo.
 
Por primeira vez todo, textos, dirección, equipa e obra é un claro paso de creación compartida desde o individual ao colectivo, diferentes xeracións no escenario e textos de mulleres de tres séculos diferentes con música e danza ao servizo da composición escénica e a docencia, o teatro, e en definitiva a aprendizaxe e universalidade da arte como vínculo de construción e vida.  

O lugar elixido pola equipa para a residencia artística (remate de ensaios) é o Cine Teatro de Ribadeo e as datas serán os días 2, 3 e 4 de maio. Este espazo foi escollido tamén para a estrea o 10 de xuño ás 21 horas.

Desde a equipa da obra agradecen a colaboración do Concello de Ribadeo e o apoio á creación desta perfomance que desde setembro de 2016 comezou a xestarse, realizando ensaios en diferentes espazos colaboradores da península. Foron os seguintes: 
 
- Galicia: A Escondida Café-Concerto-Espasante, RefuxioMOV-Lourenzá, Centro Dramático Galego (Santiago de Compostela), SGAE (Santiago de Compostela) /sept-2016-xaneiro 2107
- Andalucia: Espazo Silvestre -Véjer de la Frontera- Cádiz /febreiro 2017
- Madrid: SGAE e LA CASA ENCENDIDA /marzo 2107
- Cine-Teatro Ribadeo /Residencia artística 2, 3 e 4 de maio 2017