O Concello de Alfoz celebra o día do libro o 28 de abril co "Consertasso na horta", de Brais das Hortas e con sorpresas na biblioteca durante toda a semana.

No Salón de Actos da Casa da Cultura  ás 19:00 horas o venres, 28 de abril, o Concello de Alfoz celebrará o Día do Libro.

“Vente desfrutar do espectáculo para público infantil e familiar de Brais das Hortas. Grelos e temazos, cun equilibrio variado de formas e estilos – como debe ser nun ecosistema musical diverso e saudábel! A Santa Compaña aparécese entre as patacas cantando un trap. Hai unha pulga punk da praia de Liméns. As cabras tiran para o monte e os caracois reivindican o seu ritmo: o reggae. Entre as cenouras, os lagartos toman o sol ao son dun tumbao -é o propio!- e os kiwis non paran de brotar bailando ska. Tamén hai sitio para os soños, coma o de ser astronauta, ou para pedirlle axuda á veciñanza para botarlle o sulfato ás viñas. E máis temazos entre guitarrazos, charangazos e un lote de instrumentazos máis. Música e humor para toda a familia. Letras e arranxos coidados para sementar e apañar risos e ganas de cantar xuntos”, explican desde o Concello de Alfoz.   

Esta actividade está subvencionada pola Deputación de Lugo a través do Plan Único Provincial 2023.