
O Concello de Lourenzá organiza o programa de actividades de dinamización infantil Tempo de lecer. Está destinado a nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 31 de decembro de 2022. E desenvolverase desde o día 22 de xuño ata o 4 de setembro de 9:00 a 14:00 horas, aínda que tamén haberá servizo madrugadores, de 8:00 a 9:00 horas.
O Concello de Lourenzá explica que este programa inclúe “obradoiros, xogos cooperativos, xincanas, saídas, actividades interxeracionais e moita diversión para desfrutar das vacacións facendo amizades e aprendendo”.
As bases para solicitar praza e os formularios están dispoñibles no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Lourenzá.


