O Concello de Xove presentou a súa programación de Nadal, que se desenvolverá do 15 de decembro ao 5 de xaneiro.

O alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e a concelleira de Cultura, Dolores Meitín, presentaron o amplísimo programa de actividades organizadas polo Concello para este Nadal 2022-23. Dentro do programa tamén se inclúen iniciativas organizadas por ACIAM Xove, concretamente a pista de xeo que estará aberta do 15 ao 30 deste mes, e pola ANPA do colexio Pedro Caselles Rollán, neste caso a Semana Lecer Branco, con actividades do 26 ao 30 de decembro.

A primeira actividade incluída no programa é a IV Gala do Emprendemento Local, que terá lugar no salón de actos do Centro Cívico o 16 deste mes e na que actuará Guadi Galego. Tamén haberá actos destinados aos nenos e nenas, como unha festa infantil con Papá Noel o venres 23, teatro o luns 26, o show musical infantil La Granja o xoves 29, unha festa infantil de fin de ano o 31, o Día da Infancia o mércores 4 de xaneiro e ao día seguinte a Cabalgata de Reis.

Ademais celebrarase o tradicional concerto de Nadal da Escola Municipal de Música, no que participará tamén a Orquestra Clásica de Xove, o martes 27 de decembro; o décimo concurso de karaoke, que será o venres 30; e haberá actuacións musicais a cargo de Escolma de Meus e Acordeonistas da Mariña os días 2 e 3 de xaneiro respectivamente.