O grupo de folk Xógara inicia a súa xira por Galicia o 30 de xullo no Eido Dourado, en Barreiros. Despois pasarán por Ribadeo e por Foz.

O grupo de música folk Xógara inicia este domingo, 30 de xullo, a súa xira por Galicia co concerto que ofrecerá nos xardíns do Eido Dourado, en Barreiros. A actuación enmárcase no ciclo Sons no solpor que ten lugar nas noites dos domingos á caída do sol. 

O promotor do Eido, Celso Dourado, anuncia que “este domingo, dentro do que é a programación de Sons no solpor é dicir coa caída do sol, temos unha aposta firme, unha aposta que eu particularmente tiña moitas ganas de vela, e trátase do estreo en Galicia da xira de Xógara”.

O artista barreirense subliña que “Xógara é unha banda, podemos dicir anglo-galega-galesa, e este día 30 de xullo nos xardíns do Eido Dourado vaise estrear aquí na nosa terra. Xógara é un grupo esencialmente instrumental que bebe da música celta. Nace en Oxford da mao de tres músicos británicos e un galego. É un proxecto que encarna a mellor tradición europeísta da música folk. Está composto por Siriol Davies na voz principal, el procede do país de Gales; John Ruddock, que leva os ritmos das cordas da guitarra e o bouzouki; Jo Hamilton, que trae as súas composicións e toca instrumentos de vento como pode ser o saxo soprano ou a frauta; e o máis coñecido por nós, un músico de raíz galega nado na vila de Foz que leva uns anos exercendo a música en Oxford, que é Manolo Panforreteiro, que toca a gaita galega e o low whistle”.

Celso Dourado engade que “a entrada é libre e esperemos que o tempo unha vez máis nos acompañe. Quero convidar a todas aquelas persoas que queiran escoitar o que é a frescura da música folk, que se acheguen por aquí porque non van defraudar. Son catro grandísimos músicos que inician no Eido Dourado esta xira. Eu creo que van estar á altura das circunstancias e por iso convido a todos”.