O grupo humorístico Trípode actuará este sábado, 21 de outubro, no Valadouro

O grupo humorístico Trípode (e amigos) presentará o seu espectáculo titulado “O muro” no salón de actos da Casa da Cultura Manuel Lourenzo, do Valadouro, este sábado, 21 de outubro, ás 20:00 horas. A entrada é de balde.

“O muro” é unha historia sobre a solidariedade, a xustiza e a igualdade. É unha comedia para todos os públicos co esta sinopse: “Dona Dorotea é unha muller egoísta e terrible. Propietaria de numerosos bens, teme ser asaltada e roubada por xentes que veñan doutros países. Por iso encárgalles a Luisete e a Pacón, dous albaneis de pouca monta, que constrúan un muro ao redor da súa finca que impida o paso a todos aqueles que poidan roubarlle. Pola finca de dona Dorotea desfilan diversos inmigrantes, moi diferentes, mais con algo en común: a pobreza e as ansias de atopar unha vida mellor. Como alegorías dos diversos pobos maltratados e pobres do mundo, os inmigrantes fan palpable a inxustiza da desigualdade e do racismo”.

Esta representación está incluída no Circuíto de Teatro Afeccionado da Provincia de Lugo 2023 que promove a Vicepresidencia da Deputación.