
O día 20 de febreiro, venres, ás 20:30 horas terá lugar a presentación do libro titulado Espiritualidad no salón de actos da Casa da Cultura da Pontenova.
O coordinador da publicación, Pepe Vázquez Peinó, explica: “teño que agradecer a inestimable axuda de Rocío Oliva e o seu constante compromiso coa cultura e as actividade comunitarias na organización deste evento. Tamén debemos mostrarnos especialmente agradecidos ao Concello da Pontenova por cedernos o acolledor espazo da Casa da Cultura para dar a coñecer a obra que presentamos. O libro Espiritualidad, obra de oito autores, entre os cales me atopo eu como coordinador, é unha reflexión longa e profunda sobre a parte inmaterial do ser humano, organizada desde o principio reitor da empatía, o respecto e a busca común de xente de diversas orientacións espirituais. Queremos dalo a coñecer aos habitantes da Pontenova -aínda que o libro xa está dispoñible desde hai algún tempo nas dúas librerías do concello- e, ao mesmo tempo, dialogar e debater un pouco sobre os misterios e as alegrías da parte interior do ser humano. Estaremos no salón de actos da Casa da Cultura o venres 20 de febreiro ás 20,30 horas. Falaremos, si, e tamén procuraremos contrastar opinións e descubrir camiños, porque o mundo do espírito, sempre por descifrar, ofrécenos unha chea de importantes alicientes para vivir. Contamos convosco”.


