O Merlín Fest, de Mondoñedo, segue en agosto con actuacións de grupos musicais vencellados ao concello.

Mondoñedo organiza o Merlín Fest, unha proposta musical alternativa en pequeno formato con grupos vencellados ao concello.

O festival conta con actuacións musicais simultáneas ao aire libre cada sábado dende as 20:30 ata as 22:30 horas. O vindeiro 1 de agosto a cidade mindoniense acollerá a Flashtop Cabaret na Praza do Concello, e a Charanga Aires do Padornelo, que desfilará polas rúas do casco histórico. Con esta proposta, o concello busca tamén reactivar pouco a pouco a vida nas rúas e na hostalería local. 

O 8 de agosto Briacova actuará na praza da Catedral e o Grupo Xuventude na Fonte Vella.

O 15 de agosto Rafa Fernández ofrecerá un concerto na praza da Catedral. O 22 de agosto o protagonista será Hugo Eiroá, que actuará no cruce das rúas Bispo Sarmiento e Andrés Baamonde. E o 29 de agosto Miquel Barreira actuará na praza do Concello. 

Os concertos contan ademais con todas as medidas de seguridade, como a limitación de aforo e o uso obrigatorio da mascarilla. 

Merlín Fest está organizado polo Concello de Mondoñedo e Puzzle Animación, e conta co patrocinio do Xacobebo 2021 e a Xunta de Galicia.