O Trail de Sargadelos regresa este domingo, 26 de xullo, cun percorrido polo patrimonio e a natureza de Cervo

O Concello de Cervo volverá converter o Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos no escenario da celebración do Trail Sargadelos 2026, que terá lugar este domingo, día 26 de xullo, dentro da programación das tradicionais festas de Sargadelos.

A proba, organizada polo Concello de Cervo en colaboración coa asociación Amigos da Troula, ofrecerá aos participantes “un percorrido que combina deporte, patrimonio e natureza, atravesando algúns dos espazos máis representativos deste enclave histórico. O itinerario discorrerá por puntos tan emblemáticos como a antiga Fábrica de Louza, a presa do río Xunco, o Paseo dos Namorados ou a senda botánica, permitindo descubrir a riqueza paisaxística e cultural da contorna mentres se practica deporte. O Trail forma parte, ademais, do circuíto Duacode Run Foz Run, integrado por diferentes carreiras populares que se celebran ao longo do ano na comarca”.

A xornada desenvolverase segundo o seguinte horario: 09:30, saída da andaina; 09:35 horas, inicio das carreiras infantís nas distintas categorías; 10:15 horas, saída do trail absoluto. Os dorsais poderán recollerse o mesmo día da competición, entre as 8:45 e as 10:00 horas.

As persoas interesadas en participar poden formalizar xa a súa inscrición a través da plataforma www.sportmaniacs.com.

Desde o Concello de Cervo e a asociación Amigos da Troula convidan tanto a deportistas como a afeccionados a sumarse a esta cita, que “cada ano reúne a numerosos participantes nun espazo singular. Destacan que o Trail de Sargadelos é unha oportunidade para descubrir o patrimonio do municipio dun xeito diferente, combinando actividade física, natureza e convivencia nunha das contornas máis emblemáticas da Mariña. Queremos que esta carreira siga medrando e que Sargadelos continúe sendo un lugar de encontro no que deporte, historia e tradición vaian da man”.