O Valadouro será a seguinte parada de A Mariña en Ruta o 3 de decembro. E Lourenzá o 16

Os participantes terán a oportunidade de gozar das impresionantes vistas da Serra do Xistral, ademais de visitar o dolmen de Santo Tomé ou o Prado das Chantas. Tamén coñecerán mais sobre a vida dos cabalos salvaxes e a tradición reflectida no curro onde se celebra a Rapa das Bestas. Ana Pena, de Guía Tu Día, será a encargada de conducir esta ruta.

A Mariña en Ruta rematará o 16 de decembro en Lourenzá. Esta visita será guiada por Carmen Delia, de La Guiateca.  

A Mariña en Ruta é un proxecto que está promovido pola Mancomunidade de Concellos coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. De outubro a novembro foron programadas 16 actividades, unha por cada concello que conforma o xeodestino e onde a artesanía da comarca ten un papel destacado.  

As actividades de A Mariña en Ruta teñen unha duración de 2 a 4 horas e poden participar un máximo de 25 persoas mais o guía en cada un. O prezo xeral é de 5 euros para individual; 8 euros para parella; e 12 euros para familias ou grupos de ata 5 membros. A información sobre a rutas e as reservas de prazas realizarase de forma automática a través da web de Turismo de A Mariña Lucense https://amarinalucense.gal/es/a-marina-en-ruta 

A pasada fin de semana tivo lugar un obradoiro de coiro con Raíces Nómadas, en Ribadeo, que acaba de ser nomeado como finalista aos Premios Artesanía de Galicia, coa súa peza Nasa, un bolso de man que reinterpreta a tradicional nasa galega, nunha homenaxe á cultura marítima de Galicia. Os asistentes, coas indicacións de Ezequiel Franchi, tiveron a oportunidade de elaborar un porta botellas de coiro para levar colgado da ombreira ou enganchado nun bolso, mochila ou pantalón.

Ademais tamén se desenvolveu unha visita a Mondoñedo e ao seu legado. Os asistentes achegáronse ao traballo dos artesáns do barrio de Os Muíños, ademais de gozar da historia da Cidade Episcopal. A terceira das actividades da pasada fin de semana foi a Xeoruta do Perdouro, en Burela.