O XXXIX Festival do Emigrante celebrarase o 6 de agosto en Barreiros no pavillón do Ceip de San Miguel.

O Festival do Emigrante, que se celebrará este sábado, chega á súa XXXIX edición, despois de dous anos nos que non se puido celebrar pola situación sanitaria. 

Nesta ocasión, a cita folclórica organizada pola Agrupación Folclórica O Arco da Vella e o Concello de Barreiros, contará con grupos chegados de Georgia e México.  A cita terá lugar a partir das 22 horas, no pavillón do CEIP de San Miguel, a onde se decidiu trasladar debido á inestabilidade meteorolóxica. Alí actuarán “The Ensemble University Fliying Georgians” e a “Compañía de Danza Folclórica Tierras Mexicanas”, xunto coa agrupación local O Arco da Vella. 

O presidente da agrupación folclórica, Enrique Penabad, sinala que esta é “a cita máis importante do ano para quen compoñen a agrupación, pola visibilidade internacional e porque é un momento de emoción no que sempre estreamos algunha peza nova.”

O festival comezou coma una especie de homenaxe ás persoas que tiveran que marchar e volvían no verán, permitíndolles desfrutar do folclore que se practicaba no seu pobo durante todo o ano. “Aínda que mantén en parte esa función, o Festival do Emigrante traspasou ese límite e tense convertido nunha cita de renome dentro de Barreiros, o que favoreceu o seu nomeamento como Festa de Interese Turístico, proxectando o seu incalculable valor na posta en valor das músicas e tradicións propias”, sinalou a alcaldesa. 

X edición da Foliada do Emigrante.
Cada vez máis consolidada tamén está a Foliada que precede ao festival. Desde hai 10 edicións, o venres anterior ao festival, o Arco da Vella tamén promove una foliada na que nesta ocasión participarán, ademais da asociación organizadora, as asociacións culturais Amado Lar do Valadouro, Arume de Burela, Amigos da Gaita de Ribadeo e Brisas do Eo de Santirso. 

Ao igual que no caso do festival, a previsión meteorolóxica fixo que a celebración da Foliada se trasladara ao interior, neste caso á Sala Metro, situada a poucos metros da Praza do Souto. A cita coa música galega dará comezo a partir das 21:30 horas.