Os días 21 e 22 de xaneiro arrinca a programación formativa de Apaga para este 2023. Será en Ribadeo cun curso de soldadura con electrodo revestido.

A vindeira fin de semana arrinca a programación formativa de Apaga para este 2023. Será cun curso de soldadura con electrodo revestido, que se impartirá en Ribadeo. 

O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, Álvaro Doural, explicou que “iniciamos unha nova etapa a nivel da formación continua que estamos impartindo e vamos facelo con 3 cursos de soldadura: un de electrodo revestido, de 16 horas e que vai ser os días 21 e 22 de xaneiro; outro de MIG/MAG, tamén de 16 horas, os días 4 e 5 de febreiro; e outro de TIG, tamén de 16 horas, os días 11 e 12 de febreiro”.

Doural contou que “a continuación vaise iniciar o plan de formación, que se desenvolverá ata o mes de xuño, con distintas accións relacionadas cos vehículos: desde cousas que están aterrando nestes momentos e aínda non teñen todo o desenvolvemento que debería ter, como o caso do hidróxeno, os vehículos eléctricos e toda unha serie de novas situacións que se dan co tema de sustentabilidade e todo isto que se está implantando no tema de mobilidade neste momento neste país e no resto de Europa”.

O presidente de Apaga sinalou que “o que se pretende é formar aos socios de Apaga e a toda aquela xente que queira participar nas nosas actividades, para as que non é necesario ter ningún tipo de formación. Son cursos que teñen un custe, no que vai incluído o prezo de facerse socio. É un pago que se fai unha vez e a partir de aí esas persoas recibirán no seu correo electrónico ou por outro medio que queiran a información de todas as actividades que faga Apaga durante este 2023”. 

Álvaro Doural engadiu que “son cursos, estes que imos impartir xa, que teñen un máximo de 10 participantes e un mínimo de 8. E ademais, como un servizo a maiores destes cursos para aquela xente que queira traballar e inserirse laboralmente nalgunha das empresas da zona coas que Apaga ten contacto, facémoslle o currículo, sen custe ningún, e enviámosllo ás empresas da zona coas que temos relación, que son as máis importantes e que neste momento están tirando bastante forte a nivel de emprego”.