A Panadaría representará en Burela "As que limpan" o 5 de novembro, unha sátira reivindicativa sobre o traballo e loita das camareiras de piso.

O 5 de novembro ás 21:00 horas será representada na Casa da Cultura de Burela "As que limpan", unha sátira utópica e reivindicativa sobre o traballo e loita das camareiras de piso que pretende xerar debate sobre como o noso sistema económico sostense e funciona grazas á explotación das mulleres. 

Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman son as autoras, directoras e intérpretes desta coprodución da compañía teatral A Panadaría co Centro Dramático Nacional que conta xa co premio do público na Mostra de Teatro Galego de Cariño 2022 e co premio a mellor espectáculo de sala da Feria de Teatro de Castilla y León-Ciudad Rodrigo 2022. 

Un cartel colgado no manubrio da habitación. "Por favor, arranxe o cuarto". "Ao regreso da praia as camas feitas, as toallas limpas e o baño impoluto". Son "As que limpan", as invisibles que carrexan ao lombo un sistema turístico precarizador e insostible. Unha obra que fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia voraz dos propietarios das cadeas hostaleiras. Hai quen nunca limpou un baño e hai quen limpa cincocentos ao mes. Entradas na billeteira por 4 euros.