A programación de Nadal do Concello de Xove terá lugar do 19 de decembro ao 5 de xaneiro. Haberá teatro, música e cine, entre outras propostas.

O Concello de Xove, a través das súas delegacións de Cultura e de Servizos Sociais, organiza unha serie de actividades para as festas de Nadal que se desenvolverán durante este mes de decembro.

O sábado 19  ás 18:00 horas no salón de actos do centro cívico Ubú Teatro representará a obra O vixiante dos soños. A actuación inclúese no ciclo Miudos seráns da Deputación Provincial de Lugo.

O domingo 20 ás 18:00 horas no salón de actos do centro cívico Curuxán Teatro Impro porá en escena a obra Impro, dentro do ciclo de teatro afeccionado da Deputación Provincial.

O mércores 23 ás 19:00 horas no salón de actos do centro cívico celebrarase o Gran Concerto de Nadal coa Orquestra Clásica de Xove.

O sábado 26 ás 19:00 horas no salón de actos do centro cívico terá lugar a vídeoproxección de Augas Abisais, último traballo do director xovense Xacio Baño.

O domingo 27 ás 18:00 horas no salón de actos do centro cívico, o grupo Pico do Castro representará O Terapeuta, dentro do ciclo de teatro afeccionado da Deputación de Lugo.

Para acudir a todos estes eventos será necesario reservar praza no teléfono 982 59 20 01. O aforo será limitado.

O martes 5 de xaneiro de 17:00 a 19:00 horas no pavillón municipal de deportes celebrarase a recepción dos Reis Magos a todos os nenos e nenas.

Ademais haberá outra serie de actividades da OMIX como O piñeiro dos desexos aprazados, que se desenvolverá do 22 de decembro ao 7 de xaneiro e para o que é preciso pasar pola OMIX para deixar cada un a súa mensaxe de esperanza. 

Tamén o sábado 26 en horario de 16:30 a 19:30 horas na sala de ordenadores da OMIX terá lugar un torneo de scape room virtual. As inscricións serán ata o día 23 para participantes a partir de sexto de primaria. O 2 de xaneiro, en horario de 16:30 a 19:30 horas, na sala de xogos da OMIX, celebrarase o Torneo de Pin-Pon de Nadal. As inscricións serán ata o 30 de decembro para participantes a partir de sexto de primaria.

A ANPA do Pedro Caselles Rollán organiza a Semana Lecer Branco, os días 28, 29 e 30 de decembro de 10:00 a 13:00 horas. As actividades desenvolveranse en grupos de cinco persoas máis o monitor e as reservas pódense facer no teléfono 669 161 387. As prazas son limitadas e só para socios da ANPA. O custo é de 20 euros.

O Concello de Xove anuncia que as actividades deste programa levaranse a cabo seguindo as medidas de prevención de covid-19 como o uso de mascarilla e a distancia de seguridade. Dada a situación sanitaria é posible que haxa que modificar ou cancelar algunha delas e, nese caso, facilitaríase a información a través da páxina web do Concello. Desde o Concello de Xove agradecen a colaboración dos veciños e veciñas, voluntarios e voluntarias de todo o concello, asociacións e ANPA Pedro Caselles Rollán para a organización destas actividades.