A programación do 8-M en Viveiro inclúe actos de divulgación, convivencia e reflexión os días 7 e 13 de marzo

O Concello de Viveiro desenvolverá os días 7 e 13 de marzo unha programación especial con motivo do Día Internacional da Muller. Proporá varias actividades “orientadas á visibilización da historia das mulleres, á convivencia e á reflexión arredor da igualdade”.

A programación comezará este sábado, día 7 de marzo, ás 12.00 horas, na Sala Multiusos do Concello, coa presentación da nova edición do Roteiro en feminino e coa lectura do manifesto do 8M. A continuación terá lugar a actividade Ruta en feminino, un percorrido polas rúas de Viveiro para poñer en valor a historia das mulleres da vila. A ruta contará co acompañamento de Carlos Nuevo Cal, cronista oficial de Viveiro, e desenvolverase en colaboración coa Asociación Mulleres en Igualdade Viveiro e con Antonio Lage Seara. A xornada do 7 de marzo completarase cunha comida de confraternidade, prevista para as 14.30 horas no Restaurante Louzao.

A programación continuará o venres 13, ás 20.00 horas, coa mesa redonda titulada LIDERA+, centrada en boas prácticas, muller, emprego e inclusión. Terá lugar na Sala Multiusos do Concello con entrada será libre ata completar aforo. Esta actividade está organizada por BUMEI Galicia en colaboración co Concello de Viveiro.