Radio Foz emitirá desde o 9 de outubro o programa Onda ODS conxuntamente con outros 240 medios locais do Estado

A preocupación polo cambio climático é un dos motores do programa Onda ODS, que o vindeiro luns, 9 de outubro, comezará a emitir Radio Foz, conxuntamente con outros 240 medios locais do Estado. 

A emisora municipal de Foz explica que “os contidos pretenden achegar ao local os Obxectivos de Desenvolvementno Sustentables (ODS) definidos pola ONU en 2015. Poñerase especial atención á igualdade de xénero, turismo sustentable, promoción da agricultura ecolóxica e da pesca, redución de residuos plásticos e á loita por unha educación de calidade. Ademais dos programas -con formato reportaxe e duns dez minutos de duración- a iniciativa Onda ODS Empeza por ti tamén propoñerá aos oíntes de Radio Foz a formulación de retos individuais que vaian na liña dos obxectivos marcados. Ademais do espazo radiofónico e dos podcast, os retos individuais irán acompañados de actividades na liña de fomentar hábitos sustentables para a consecución da Axenda 2030 e ao tempo visibilizar boas prácticas existentes na Mariña luguesa”.
 
Onda ODS empeza por ti é unha iniciativa conxunta de Emisoras Municipais Galegas, Emisoras Municipales de Andalucía, La Xarxa de Catalunya e a Rede de Medios Comunitarios. Continua un proxecto xa iniciado en 2022 e conta coa axuda do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. 

O concelleiro focego de Comunicación e Coordinación de Axenda 2030, Carlos García Rodríguez, explica que “o pasado xullo deste ano 2023 foi o máis cálido dende que hai rexistros no noso planeta. A emerxencia climática está aquí e xa a podemos divisar, mesmamente desde o noso municipio cos cambios nas estruturas demográficas, climáticas ou nas hídricas, entre outras. Dende o Concello de Foz saúdamos propostas como Onda ODS, que o que pretenden é comunicar, divulgar e darnos ferramentas para poder converter este reto nunha oportunidade para mellorar o benestar dos nosos cidadáns e, sobre todo, para coñecer as iniciativas e a todos os pioneiros nesta loita, que, como ben dicía o secretario xeral da ONU, é unha loita do ser humano contra o seu propio futuro”.